Venres. 19.04.2024

A comisión informativa de asuntos xerais do Concello de Oroso aprobou as obras e proxectos incluídos nas partidas do Plan Único 2021 e o POS adicional da Deputación da Coruña, con ampliacións de viais, actuacións de humanización, melloras de eficiencia enerxética, na rede de saneamento e gasto social.

As partidas, supoñerán un investimento de case 1,1 millons de euros para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Oroso.

O Plan Único inclúe por primeira vez este ano un fondo social, que permitirá no caso de Oroso destinar unha partida de 142.710,20 euros a axudas ás familias e colectivos en risco de exclusión, medidas de conciliación, adquisición de material de protección Covid-19 (EPI), material escolar ou tarefas de desinfección nos centros educativos, unha competencia que corresponde realmente á Xunta de Galicia e asume o concello por responsabilidade.

Á marxe deste orzamento social, o concello destinará máis de 800.000 euros a diferentes obras, como a mellora da rede viaria nos lugares de A Igrexa e Bouzalonga; o asfaltado da pista que vai de Recouso á estrada provincial DP-3802 (Marzoa); a construción dunha ponte sobre o río Carboeiro en Berdomás (Gándara), e a ampliación das beirarrúas na marxe esquerda da Avenida de Compostela.

Oroso tamén humanizará e renovará o tramo este da rúa do Campo, en Sigüeiro; ampliará a calzada do vial que une os núcleos de Requeixo e Eirís (Cardama); acometerá un proxecto de saneamento e abastecemento de auga no núcleo de Os Carballos (Deixebre); e mellorará a eficiencia enerxética na urbanización Porto Avieira. Unha pequena parte das partidas destinarase a gastos correntes do concello.

“Todas as obras dan resposta ás demandas veciñais e ao noso obxectivo de renovar os servizos básicos e os infraestruturas do concello de forma continua, tanto no casco urbano como nas parroquias”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, que lembra que “os concellos estamos en primeira liña de atención aos veciños desde o comezo da pandemia, de aí a necesidade tamén de reforzar o gasto social”.