Mércores. 24.04.2024

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Touro (A Coruña) analizarán a posibilidade de colaborar na execución dalgún proxecto de rehabilitación de edificios para destinalos a usos residenciais. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Ignacio Codesido no transcurso dunha xuntanza durante a que trataron diversos asuntos de interese municipal relacionados coas súas áreas de competencia.

Neste sentido, o alcalde de Touro trasladoulle o seu interese por incorporar novas vivendas ao parque público residencial do municipio e avanzoulle que o Goberno local quere apostar pola rehabilitación como vía para poñer a disposición da veciñanza vivendas públicas en condicións vantaxosas.

A este respecto, a conselleira explicoulle que o seu departamento, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), conta con diferentes tipos de axudas e programas de financiamento co fin de axudar aos concellos a incrementar o seu parque residencial.

Concretamente, faloulle do Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado en 2017 para ofrecerlles préstamos sen xuros e en condicións favorables cos que poder acometer obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. Ademais, adiantoulle que o próximo ano haberá unha nova convocatoria da orde de axudas para rehabilitar antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal.

PROXECTOS PARA A POSTA EN VALOR DO MUNICIPIO

Por outra banda, conselleira e alcalde tamén acordaron estudar posibles vías de cooperación entre ambos departamentos para levar a cabo proxectos relacionados coa posta en valor no municipio de áreas recreativas, espazos públicos e sendas peonís co fin de incrementar e mellorar as zonas de ocio e esparexemento de uso común.

Así mesmo, o rexedor amosouse interesado polo funcionamento do programa de compostaxe doméstica de Sogama e nos pasos a seguir para que o Concello de Touro se poida incorporar a esta iniciativa, que busca promover na Comunidade galega a reciclaxe da fracción orgánica de orixe doméstica.