Xoves. 25.04.2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou o resultado das obras de melloras levada a cabo no parque infantil do Souto,no concello de O Pino, ás que o Goberno galego achega preto de 34.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público.

Segundo indicou a directora xeral, o concello solicitou esta axuda co obxectivo prioritario de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades. O conxunto de actuacións teñen por obxecto a renovación dun parque infantil de preto de 300 m² moi antigo, con elementos en mal estado e sen a pavimentación de seguridade adecuada. Ademais da instalación de novos equipamento de xogos para os máis pequenos.

Durante a súa visita, Natalia Prieto, destacou “a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos”. Natalia Prieto incidiu na importancia “da cooperación entre as administración para axudar aos concellos a levar a cabo proxectos que contribúan ao benestar da cidadanía”.

Concretamente, o concello de O Pino nos últimos once anos ten recibido axudas da Vicepresidencia cun importe de máis de 300.000 euros destinados a proxectos beneficiarios da Orde de Infraestruturas, do Fondo de Compensación Ambiental, ademais da adquisición de vehículo de emerxencias e melloras na casa consistorial.