Venres. 10.05.2024

A Deputación da Coruña contará en 2024 cun orzamento de 222.151.200 euros, o máis alto da historia da institución e un 7,2 % superior ao do actual exercicio.

As prioridades deste novo orzamento provincial serán a creación de emprego, o benestar social e o desenvolvemento rural.

PLAN ÚNICO

A partida do Plan Único increméntase en 2024 nun 10% en 2024, chegando aos 50,5 millóns de euros de orzamento inicial. Unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose ao longo do exercicio para chegar, a finais de ano, a entre 90 e 100 millóns de euros de investimento nos concellos coruñeses.

PEL

O Plan de Emprego Local (PEL) incrementa tamén o seu orzamento en 2024 ata os 16 millóns de euros (un 24,1% máis). Desde a súa creación, o PEL financiou a creación de 6.119 empregos nos sectores público e privado, apoiou a 2.553 empresas e 1.842 autónomos e concedeu 4.485 axudas directas aos sectores máis afectados pola crise (hostelería, agro, mar, transporte…).

Este incremento no orzamento permitirá reforzar programas de contratación de persoal en empresas e concellos e apoio ao emprendemento, pero ademáis, Formoso anunciou que “2024 será un ano de aposta pola industria”, en concreto por sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a economía circular ou o sector audiovisual, coa construción de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, que se ubicará na Cidade das TIC.

BENESTAR SOCIAL

No apartado de Política Social, a Deputación incrementa este ano o seu orzamento ata os 24,3 millóns de euros (+6,5 %). Os orzamentos inclúen un novo incremento de 100.000 euros para ao programa de Servizos Sociais Comunitarios.

A partida para apoiar ás entidades sociais da provincia contará o vindeiro ano con 4,6 millóns de euros, uns fondos que permiten apoiar a 273 asociacións da provincia para contratar persoal, mellorar os seus centros ou impulsar programas de rehabilitación, tratamento e inserción sociolaboral que melloran a vida de miles de persoas.

Desde a pandemia, o Plan Único conta tamén con partidas destinadas a financiar gasto social nos concellos. En 2024, este POS Social contará cunha dotación de 7 millóns de euros para os 93 concellos da provincia.

RURAL

A aposta polo desenvolvemento do rural é un eixo transversal da acción da Deputación da Coruña. Programas como o Plan Único e o PEL contribuíron decisivamente a este obxectivo, ao que se suman outros programas como as 13 liñas de axudas a concellos, dotadas con 18 M€ de orzamento, coas que a Deputación creará o vindeiro ano 1.550 empregos contribuíndo ademais a que os pequenos municipios da provincia podan ofrecer á súa veciñanza servizo ao nivel dos municipios máis grandes no eido do deporte, a cultura ou os servizos sociais.