Martes. 14.05.2024

Co gallo do Día de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro no aniversario do seu nacemento, o Concello de Padrón presentou unha ampla axenda cultural e de ocio para todo o mes para homenaxear á poetisa e a escritora galega máis universal. O alcalde Anxo Arca, a concelleira de Educación e Servizos Sociais, Mariló Saco, o secretario xeral de Politíca Lingüística, Valentín García, e o presidente da Casa de Rosalía, Anxo Angueira, foron os encargados de dar a coñecer a axenda cultural.

Así, o acto central do Mes de Rosalía será a ofrenda floral que se desenvolverá o 23 de febreiro diante da estatua de Rosalía de Castro no Paseo do Espolón, a partir das 10:00 horas, no que toma parte o alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías o Namorado, e que inclúe unha alborada co grupo de gaitas Carapaus e a intervención das autoridades. Coa chegada do mediodía, será a quenda dos pasarrúas no que, ademais do Carapaus, haberá cabezudos e a xigante Rosalía cedida polo Concello de Rianxo. Os restaurantes e bares de Padrón tamén se suman á festa permitindo degustar un Caldo de Gloria inspirado no que Rosalía louba no seu poema Miña casiña meu lar, e organizando actuacións de teatro dos Quinquilláns, a partir das 20:00 horas.

O xoves 8 de febreiro iniciouse o programa do Mes de Rosalía, no claustro do convento do Carme, coa exposición Herbario de Rosalía, unha recopilación de imaxes de ata un total de corenta plantas e flores mencionadas na súa obra, que se pode vistar de balde ata o 25 de febreiro.

O mércores 21, a rapazada de primeiro, segundo e terceiro de Primaria dos colexios Flavia e Rosalía de Castro achegarase á figura da escritora a través do espectáculo de títeres A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola no Auditorio Municipal. Ao día seguinte, terá lugar a presentación Konpostela, o poemario de Francisco Javier Fernández Davila gañador do IX Certame Poético Rosalía de Castro convocado polo Concello de Padrón. E, ao remate, tamén no Auditorio, proxectarase a curta A rosa incandescente.

O sábado 24 de febreiro terá lugar unha nova edición da Gala Rosalía Foliadeira, no Auditorio (19:30 horas), e o domingo 25 péchase a axenda do Mes de Rosalía, cun concerto da Banda de Música Municipal.