Domingo. 05.05.2024

O mundo do motor está de loito. O Rally da Auga, que se ía disputar os vindeiros 12 e 13 de abril na comarca de Compostela, foi cancelado, segundo indican nun comunicado a Agrupación Deportiva Noroeste Motor e o Comité Organizador nas súas redes sociais.

“Vémonos forzados, moi ao noso pesar, a cancelar a próxima edición da proba”, aseguran e explican que foi unha decisión cuidadosa e moi meditada que tras evaluar a situación actual, “tivemos que tomar polo noso esgotamento organizativo e á incertidume das institucións locais nos eidos económico e deportivo”, engaden no comunicado.

O Rally da Auga é unha proba referente, galega e nacional, do mundo do motor, e que durante dez primaveiras reuniu aos mellores pilotos de rallys coa celebración dos Campionatos e Copas de España da especialidade. Unha cita que premitía, ademais, a dinamización turística e económica das diversas ubicacións xeográficas do interior da provincia que percorría.

“É unha medida que nos entristece porque pecha un ciclo de 10 anos nos Campionatos e Copas de España, durante os cales creamos vínculos significativos coa comunidade automovilística. Agradecemos profundamente o apoio fiel e continuo das institucións públicas, patrocinadores, equipos e seguidores, esperando reanudar este emocionante evento nun futuro” indican no comunicado que pechan sentindo “o dano que esta decisión poida ocasionar” e dando as gracias “aos que sempre estivestes aí”.