Luns. 29.04.2024

É a primeira vez que se presenta á elección de presidente da Xunta, que supón para vostede?

Pode parecer un lugar común, pero supón un orgullo e unha gran responsabilidade, por varias razóns. Primeiro, porque nos presentamos ante os galegos para pedirlles que revaliden a súa confianza en nós. Creo que temos feito un moi bo traballo estes anos, pero é aos galegos a quen corresponde xulgalo. E segundo, porque me presento para gobernar, con toda a ilusión que iso conleva, pero tamén coa gran carga de rigor e de traballo que supón.


 

Que valoración fai da xestión de Pedro Sánchez con Galicia?

Gustaríame dicir que boa, porque iso sería tamén bo para todos os galegos, pero o certo é que non foi así. A xestión do Goberno central en Galicia contámola a base de incumprimentos e atrasos: os trens Avril; os fondos europeos; o Corredor Atlántico; a conexión de alta velocidade con Portugal...E moitísimas cuestións máis. O caso é que agora, coas eleccións no horizonte, Sánchez vén a Galicia a prometer cousas. Benvidas sexan, se é que son certas. Permítanme o escepticismo porque, antes diso, fixo moitas máis promesas que foron aire: comprometeumas mesmo en persoa, e nunca se materializaron.

Creo que temos feito un moi bo traballo estes anos, pero é aos galegos a quen corresponde xulgalo

O goberno español recurriu a lei do Litoral, porque é necesaria para Galicia?

Por algo tan fácil de entender como que quen mellor vai xestionar, e protexer, a nosa costa somos os galegos, e non as persoas sentadas en despachos a 500 quilómetros de distancia. Desde Madrid estanse tomando medidas normativas que poñen en perigo o noso modo de vida no litoral: edificacións, empresas, ata colexios. Creo que todo o mundo pode entender que non pode usarse a mesma regra para a costa do Levante que para as rías galegas, por poñer un exemplo. En calquera caso, está claro que o Goberno central quere crear unha polémica artificial con isto: senón como explicaría por que pode ceder esas competencias ao País Vasco e non a Galicia, cando temos escrito no Estatuto exactamente o mesmo? A actitude do Goberno central é, a todas luces, incomprensible, máxime cando a nosa lei do litoral é unha norma leal, legal e que respecta escrupulosamente o noso marco competencial.

Alfonso Rueda logo do debate da CRTVG
Alfonso Rueda logo do debate da CRTVG

A Xunta de Galicia axuda ás familias con membros con dependencia con ata 5.000 euros, que acollida está tendo esta medida?

Creo que moi positivo. Ao final trátase de dar un apoio adicional, de maneira universal -dá igual o nivel de renda ou dependencia-, aos dependentes que están no seu fogar e aos familiares ou achegados que os coidan. Quixemos, ademais, facelo fácil: ás persoas que xa estaban recibindo unha libranza por coidados no contorno familiar actualizámoslles directamente a contía, sen ningún tipo de trámite. No caso das persoas que estaban recibindo outro recurso e queren cambiar a esta libranza, ou ben que non tiñan ningunha axuda, terían que acudir aos seus servizos sociais de referencia para comezar a tramitación.

Desde Madrid estanse tomando medidas normativas que poñen en perigo o noso modo de vida no litoral
 

As Escolas Infantís son gratis en Galicia, unha medida pioneira no Estado, incrementáronse as familias que poden utilizar este servizo?

As escolas infantís xa son unha medida universal, dispoñible para todas as familias que vaian a unha escola adherida a este programa. De feito, en Galicia a atención educativa gratuíta non está dispoñible só nas escolas públicas, senón tamén nas privadas. Grazas a esta medida 31.000 familias galegas aforran unha media de 2.000 euros anuais por fillo .

Cal é o funcionamento das Casas do Maior? Está en previsión que se creen máis na nosa comunidade?

 As casas do maior, do mesmo modo que as casas niño, pretenden levar máis e mellores servizos ao rural, a lugares onde non os había e onde non funcionarían igual os modelos tradicionais de escolas infantís ou residencias. Desta forma, coas casas do maior ofrécese un servizo gratuíto de atención diúrna para maiores, cun coidado personalizado, xa que ningunha ten máis de 5 prazas. Actualmente, temos xa 120 casas do maior en marcha, e queremos seguir ampliándoas. Proba do seu éxito, é que moitas comunidades están a imitar este modelo, porque é unha iniciativa que funciona, que é ben valorada e que, ademais, crea riqueza e emprego.

Alfonso Rueda nun acto sectorial sobre deportes
Alfonso Rueda nun acto sectorial sobre deportes

Se vostede sae elixido presidente da Xunta o vindeiro 18F, as primeiras matrículas universitarias serán gratis, será para todas as familias ?

Si, é unha medida para todas as familias. Antes falabamos da gratuidade das escolas infantís, pois con esta medida queremos pechar o círculo levando ese mesmo modelo universal ás universidades. Desta forma, a educación en Galicia será totalmente gratuíta desde os 0 anos ata os estudos superiores. Estamos falando dunha medida pioneira en España, que aforraría de media 3.000 euros por estudante, e que xa poremos en marcha o próximo curso.

Este ano investimos en igualdade o dobre que en 2009

Que balance fai dos avances realizados en materia de sanidade durante esta última lexislatura?

Sei que a sanidade é sempre un tema complexo. Con todo, creo que todos coincidimos en que temos un excelente sistema de saúde con excelentes profesionais. Outra cousa é que teña aspectos mellorables, que os ten. Hoxe en Galicia invístense máis de 5.000 millóns de euros na sanidade. Son 1.400 millóns de euros máis dos que recollía o Orzamento de 2009. Tamén traballan nela 7.000 profesionais máis que naquel momento.

É evidente que nos últimos anos temos avanzado moito, non só por esas cifras, senón tamén porque hoxe contamos co calendario de vacinas máis completo do mundo; con novas tecnoloxías que melloran moito a atención e a recuperación, como os robots cirúrxicos de cada área sanitaria; con melloras laborais e de retribucións para o persoal; con cribados de cancros máis amplos; ou con máis servizos de atención á saúde mental.

Alfonso Rueda Valenzuela nun acto en San Cibrao das Viñas
Alfonso Rueda Valenzuela nun acto en San Cibrao das Viñas

Que queda por facer no ámbito sanitario e que actuacións serán unha realidade continua sendo presidente da Xunta despois do 18F?

Como dicía antes, temos un sistema de excelencia, pero mellorable. Hai moitas cuestións nas que queremos seguir avanzando. Unha moi relevante é na personalización da medicina. Para conseguilo, temos unha iniciativa importantísima e pioneira, que é o proxecto Xenoma Galicia. Con el recompilaremos o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco para detectar de forma precoz e previr enfermidades, ademais de que nos permitirá ofrecer tratamento farmacolóxicos individualizados. Tamén queremos seguir avanzando en todo o que ten que ver coa atención domiciliaria, a atención a crónicos, as unidades multidisciplinares que ofrecen unha atención integral, ou a atención á saúde mental que comentaba antes.

Con todo, o principal reto da sanidade é o seu déficit de médicos de familias e pediatras, e darlle solución non está nas nosas man. Nós tomamos cantas medidas están na nosa man, pero non podemos contratar se as listas están a cero. O Goberno central ten que tomar medidas xa para formar a máis especialistas. Nós seguirémosllo recordando.

As escolas infantís xa son unha medida universal, dispoñible para todas as familias que vaian a unha escola adherida a este programa

En materia de igualdade, que accións puxo en marcha a Xunta de Galicia durante estes últimos anos?

Tería para unha entrevista enteira só falando disto. O certo é que nós temos un compromiso moi real coa igualdade. Hai quen se quere apropiar desa bandeira, pero non hai máis que mirar ao que levamos feito estes 15 anos para comprobar que isto non vai de cores políticas.

Falo, por exemplo, da nosa pioneira Lei de igualdade; de que somos a única comunidade autónoma que ofrece unha axuda mensual para impulsar a autonomía das vítimas da violencia de xénero; ou de que acabamos de aprobar un protocolo para facer fronte a calquera tipo de acoso no ocio nocturno. E por se non é suficiente con todas estas medidas, aí están tamén as cifras para demostralo: este ano investimos en igualdade o dobre que en 2009.

Se sae elixido presidente da Xunta de Galicia terá catro anos para executar proxectos e levar a cabo iniciativas, como lle gustaría que fose Galicia no 2028?

Imaxino a Galicia de 2028 con todo o bo que ten esta Galicia de 2024, que é moito, pero mellorada.

E por iso imos traballar en seguir sendo un referente turístico e sostible; en gañar competitividade, con proxectos industriais transformadores que creen máis riqueza e emprego; con mellores infraestruturas, porque queremos estar ben vertebrados no interior e tamén de cara a fóra; e, sobre todo, imos traballar para que Galicia siga sendo o mellor lugar para vivir, cunha educación referente, con servizos sociais avanzados e cun sistema sanitario innovador, eficiente e ben dotado de recursos e de persoal.

Mitín na praza de toros de Pontevedra
Mitín na praza de toros de Pontevedra

Se a noite do domingo 18 de febreiro continua sendo o presidente de Galicia, que será a primeira medida que poña en marcha na nova lexislatura?

Non podo dicir que unha soa, porque van ser moitas. O noso compromiso foi sempre que Galicia non parara de funcionar nin un segundo, e así foi, mesmo durante estas semanas tras convocar as eleccións. Os galegos poden ter por seguro que xa na mañá do luns 19 de febreiro terán un goberno traballando en medidas que beneficien aos galegos, como a gratuidade da matrícula universitaria dos estudos de grao a partir do próximo setembro.