Venres. 03.05.2024

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, visitou na Coruña o mercado municipal de Elviña onde abordou unha das principais preocupacións da cidadanía: a carestía da vida, ao tempo que explicaba as propostas de goberno do BNG para axudar ás familias ante a “desorbitada” subida de prezos. Destacou, entre outras, a proposta de baixar o IVE dos alimentos básicos, a gratuidade dos libros de texto e un bono transporte para axudar ás familias a chegar a fin de mes.

“No BNG seguimos empeñados en falar dos problemas reais da xente deste País, das cuestións que impactan de cheo na vida dos galegos e das galegas”, contrapuxo fronte ao intento doutras forzas de estatatalizar a campaña con cuestións alleas aos preocupacións da maioría social. “Moitas familias están tendo problemas porque os salarios non dan máis de si mentres soben a cesta da compra, as hipotecas, os carburantes ou os prezos da vivenda”, subliñou durante a visita ao mercado, na que estivo acompañada pola cabeza de cartel pola Coruña, Mercedes Queixas.

Neste sentido, avanzou que unha das primeiras medidas que porá en marcha como presidenta será a gratuidade dos libros de texto para axudar ás familias de cara ao inicio do curso escolar, facilitando un aforro importante ás familias.  Co BNG liderando o goberno, a gratuidade comezará a aplicarse xa a partir do vindeiro curso.

Pontón comprometeuse tamén a recuperar a tarxeta básica para axudar as familias con menos recursos na compra de alimentos e medicinas. “Mentres lle baixaba os impostos en 34 M€ ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, o PP suprimiu esta tarxeta básica, que o BNG vai reactivar”, subliñou Pontón, incidindo en que quere ser a presidenta dun goberno que poña á xente no centro das súas políticas.

Neste mesmo sentido, avanzou que como presidenta negociará a rebaixa do IVE nos produtos de alimentación básica, como a carne ou o peixe, un IVE superreducido do 4% que o BNG pedirá que se aplique tamén á factura do gas, negociando ademais que a baixada neste imposto se manteña de xeito permanente na da luz.

Subliñou, a continuación, que unha das medidas prioritarias do seu goberno será precisamente a creación dunha tarifa eléctrica galega para ter unha factura da luz máis barata, como ocorre xa noutras países de Europa que teñen unha factura máis barata naqueles territorios que, como Galiza, son produtores de electricidade.

A candidata á Presidencia adiantou que o goberno do cambio que aspira a liderar porá en marcha, en colaboración con outras administracións, un bono transporte que permita viaxar por 30€ ao mes en calquera modalidade do transporte público, xa sexa en tren, autobús ou transporte de ría. “Con este bono imos adaptar as tarifas do transporte público en Galiza ás que xa existen en Europa, axudando ás familias, e tamén promoveremos unha mobilidade máis sostible”, salientou.

Pontón referiuse, por outra banda, á preocupación que supón a carestía nos prezos da vivenda para moitos galegos e galegas, un problema que o programa de goberno do BNG quere axudar a resolver habilitando arredor de 12.000 vivendas públicas nos vindeiros anos. Para iso, explicou Pontón, o seu goberno porá en marcha un novo modelo que consistirá na compra masiva de vivenda baleira para poñela no mercado en réxime de aluguer a prezo limitado, de xeito que sexa asumible polas familias e a xente moza.