Sábado. 27.07.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou en Ourense que sacará “á sanidade galega da maior crise que sufre en 20 anos, como fixo o ministro Illa na pandemia ou o presidente Touriño na Xunta”. Argumentou que “só é posible reverter a situación crítica da sanidade cun Goberno socialista, porque temos experiencia de goberno e porque xa o demostramos no pasado”. Engadiu que “hoxe en Galicia con Rueda as Urxencias están colapsadas, 200.000 galegos e galegas agardan por unha primeira cita hospitalaria, 11.000 nenos e nenas están sen pediatra e hai esperas de meses para citas con especialistas, para cirurxías, así como listas opacas”.

Besteiro presentou o seu plan de rescate da sanidade pública xunto a Salvador Illa, ex ministro de Sanidade, e atendeu as demandas de numerosos colectivos sanitarios da provincia de Ourense. “Cando sexa presidente da Xunta, haberá un prazo máximo de 48 horas para a cita co médico de cabeceira, Saúde Mental na Atención Primaria e 122 concellos de Galicia sen Pediatría disporán do servizo”, explicou. O seu programa de goberno inclúe a apertura ao 100% dos centros de saúde e a mellora do sistema de transporte sanitario urxente, entre outras medidas.