Martes. 14.05.2024

A cabeza de lista do PSdeG-PSOE para as eleccións autonómicas na provincia da Coruña, Patricia Iglesias, participou xunto a outros membros da candidatura nunha reunión coa asociación Executivas de Galicia que tivo lugar en Santiago de Compostela.

Esta asociación reúne a mulleres que exercen en diferentes ámbitos executivos e directivos tanto públicos como privados, e ten como fin promover o liderado da muller nas diferentes áreas.

“Dende o proxecto progresista liderado por José Ramón Gómez Besteiro reivindicamos o proxecto de lei de representación paritaria en diferentes ámbitos que está a tramitar o Goberno de España”, comezou apuntando Patricia Iglesias.

En contraposición, sinala a candidata, “o Goberno de Rueda promulgou hai moi pouquiño tempo unha lei de igualdade efectiva de homes e mulleres que xa nace desfasada con respecto á lei estatal anteriormente mencionada”.

“O noso compromiso é avanzar na igualdade efectiva de homes e mulleres naqueles ámbitos representantivos onde ás mulleres tamén se lles debe dar voz”, recalcou a tamén letrada maior do Consello de Contas de Galicia.

O número 4 da candidatura socialista na provincia, Aitor Bouza, tamén estivo presente na reunión, na que destacou “a nominación da nosa candidata número 1 Patricia Iglesias como muller líder por parte da Asociación Española de Mulleres no Sector Público” feita pública no día de hoxe.

“Isto demostra que o proxecto de Gómez Besteiro integra a persoas de máxima valía, xa que os propios sectores dos que forman parte recoñecen o seu traballo con distincións como esta”, afirmou Bouza.