Luns. 06.05.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse a poñer en marcha Centros de Información á Muller (CIM) móbiles para achegar este servizo ás vítimas de violencia de xénero a todos os recunchos de Galicia.

Estas unidades móbiles uniríanse aos 84 centros actualmente espallados por toda a xeografía galega e, co obxectivo de que ningunha muller quede sen o apoio necesario por non poder achegarse a estes puntos, permitirían acceder ás zonas máis afastadas e que así todos os galegos e galegas teñan acceso aos mesmos servizos vivan onde vivan.

Anunciou tamén o seu compromiso de reforzar a formación dos profesionais destes CIM, tanto os fixos como os móbiles, para que poidan prestar atención directa ás persoas LGTBI e previr a LGTBIfobia.

Xunto a estas medidas, Rueda comprometeuse a seguir reforzando as axudas e a rede de apoio ás vítimas de calquera tipo de violencia e tamén avanzar na prevención de posibles novos tipos de agresións ou discriminacións. Así como a impulsar o emprendemento feminino, garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e fomentar a conciliación con medidas realistas e efectivas –na liña da nova axuda anunciada onte para apoiar ás familias no custe das actividades extraescolares dos fillos ou a través da flexibilidade de horarios no ámbito público–.