Venres. 03.05.2024

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a poñer a disposición dos galegos e das galegas 12.000 vivendas públicas en réxime de aluguer a prezo limitado ao longo dos próximos oito anos, para dar resposta ás miles de persoas que na actualidade non teñen acceso a este dereito básico porque “os alugueiros están disparados e os salarios non chegan”.

A proposta de goberno do BNG supón multiplicar por catro o o actual parque de vivendas públicas, “unha cifra ambiciosa pero realizable”, destacou Pontón, porque o Bloque pon sobre a mesa un cambio de modelo na política social de vivenda apostando pola compra de vivenda baleira en lugar da construción como elemento estratéxico  para aumentar a oferta pública de pisos en aluguer a un prezo taxado que a maioría social poda pagar.

“A adquisición de inmobles xa construídos, e a súa eventual reforma, é unha opción moito máis rápida e máis sustentable que a de preparar, urbanizar solo e despois edificar. Esta fórmula  vainos permitir dar resposta en pouco tempo á emerxencia social no acceso á vivenda”, afirmou a candidata, tras salientar que Galiza ten 500.000 vivendas baleiras, 90.000 nas grandes cidades.

Por iso unha das súas prioridades como presidenta da Xunta será “nun cambio de paradigma absoluto, recorrer á compra masiva deses inmobles tanto nos centros históricos como nos barrios e tanto nas cidades como nos concellos cunha gran demanda”, precisou. Pontón fixo este anuncio no barrio vigués de Navia diante dun edificio de vivenda pública remado hai máis de quince anos con BNG como responsable de vivenda no goberno.

Neste escenario, a candidata do Bloque criticou a inacción do goberno do PP que ao longo do últimos quince anos “dinamitou” a política social de vivenda e hoxe o acceso a unha vivenda é misión imposible para miles de galegos e galegas, sobre todo para a xente moza pero tamén para as familias con rendas baixas e medias.

Ante esta realidade, Pontón subliñou a súa determinación a dar un “xiro de 180 grados” para dar prioridade a política social de vivenda cun novo modelo no que se primará a compra de pisos baleiros para ofertar a prezo limitado en réxime de alugueiro e sempre desde a titularidade pública. A día de hoxe só o 0,3% da vivenda pública está en aluguer en Galiza, fronte ao  24% de Irlanda do Norte, Escocia e Austria ou o 29% dos Países Baixos.

Por iso, a proposta que recolle o programa de goberno do Bloque implica blindar por lei que os pisos adquiridos serán destinados unicamente ao aluguer para aumentar e consolidar unha bolsa de vivendas que ofrecer á cidadanía. Está vía da compra de pisos baleiros tamén contribuiría a xerar emprego porque, tal e como detallou a candidata, os inmobles adquiridos serán reformados naqueles casos nos que fose preciso antes de ser ofertados.