Luns. 29.04.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse a facer realidade dúas infraestruturas que considera “fundamentais e moi demandadas” para a cidade de Ourense como son o acceso ao hospital desde a N-525 e a Circunvalación Leste.

Así o manifestou nun almorzo con representantes da sociedade ourensá, onde fixo balance do feito nestes anos e debullou algúns dos proxectos de futuro do PPdeG para a cidade e a provincia como, no que se refire ao eido socio-sanitario, a posta en marcha do Centro integral de saúde Novoa Santos, o remate do Centro de atención ás persoas con discapacidade, a reforma do centro de saúde A Cuña-Mariñamansa ou a construción do Centro de Ciberseguridade.

Rueda tamén manifestou a súa aposta por consolidar Ourense como “potencia termal en toda Europa” aproveitando o fluxo de visitantes que xera a Alta Velocidade, polo que reclamou ao Goberno central  que “aparte de Reis Magos e bicos a locomotoras, concrete dunha vez cando van chegar os trens Avril e duplique o número de frecuencias ferroviarias”. Unha reclamación necesaria na medida en que “permitiría baixar os prezos, facelos asumibles e que aínda máis xente do resto da Península queira e poida vir a Galicia e a Ourense”.

Nesta liña insistiu en que o Estado aínda ten pendente o cumprimento da súa parte na renovación da estación intermodal da cidade e recordou que “agora mesmo a entrada que ten o tren de Alta Velocidade en Ourense é provisional e en ningún caso pode quedar como definitiva”. Facendo un chamamento a todos os asistentes ao almorzo a que tamén desde a sociedade civil se faga presión neste asunto porque “se non se presiona, este asunto irase esquecendo e os cartos e os investimentos irán aos de sempre”.

Lamentou tamén a negativa do Executivo estatal a liberar a autopista Santiago-Ourense, en contraste co que fai a Xunta de Galicia: “O tramo que está liberado é porque o Goberno galego asume o seu custo cos cartos de todos os galegos. No tramo que non o está, o Goberno central podería facer o mesmo en vez de aplicar subidas brutais nas peaxes”. Así como o incumprimento do acordo de investidura entre PSOE e BNG no que se refire á creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Ourense.

No que respecta ás competencias do Goberno galego, Alfonso Rueda remarcou que, do que el dependa, continuarase apostando polas sendas peonís e ciclistas como “elemento vertebrador das cidades” –concretamente o tramo Remedios-Expourense e o tramo da Avenida das Caldas – e invitou publicamente ao Concello a adherirse ao sistema metropolitano de transporte autonómico para que “os cidadáns de Ourense non sigan perdéndose as rebaixas importantes que se están a aplicar”.

Apostou así mesmo por seguir potenciando a Formación Profesional da man do Centro de excelencia Eduardo Barreiros para que “Ourense se converta no centro destas ensinanzas” e por continuar apoiando e consolidando o campus universitario con proxectos como o futuro Centro de enxeñería aeroespacial. “As cidades que coidan as universidades son cidades que progresan porque traen xente nova, xeran crecemento do tecido socioeconómico e apostan polo I+D+i”, engadiu.