Martes. 14.05.2024

Alfonso Rueda, candidato popular á Presidencia da Xunta visitou a cidade do Lérez,onde falou sobre a importancia que persoal e politicamente lle dá ao “cumprimento da palabra dada” e, por iso, dedicou o seu tempo para falar de “compromisos” e a explicar o balance dunha xestión que escapa do conformismo e aposta por “seguir evolucionando e corrixir aquilo que non se fixo ben”. O cal contrasta con aqueles que “en tres meses prometen resolver todo con medidas anunciadas a ver se coan e soa a frauta”.

Referiuse así aos 483 euros de aforro por galego en impostos que permitiron as políticas fiscais do PPdeG, aos 20.000 euros de aforro por familia que supón a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos que en toda España só ofrece Galicia, ao aumento en 1.400 millóns de euros do investimento na sanidade pública ou ás catro veces máis persoas dependentes atendidas que en 2009, entre outras cuestións.

Tamén quixo facer fincapé no seu obxectivo de consolidar Galicia como “unha terra de oportunidades onde a xente non teña que irse e os que se foron poidan volver”, explicando a súa visión sobre como reverter o problema demográfico e as consecuencias que xera –principalmente a falta de obra– mediante a potenciación do retorno de emigrados.

Referiuse así á estratexia Retorna, enfocada a persoas no estranxeiro con orixe galega e nacionalidade española e que permitiu que un 80% dos titulados universitarios aos que se lles financian os estudos e a estancia teñan empregabilidade “practicamente inmediata”. Un modelo “práctico e efectivo” na medida en que permite atraer a xente nova a Galicia “para establecerse e formar a súa familia aquí” e que expón facer extensivo tamén aos estudantes de Formación Profesional no estranxeiro.

Todas elas medidas sociais e pensadas para as persoas que Rueda cataloga de “logros que nos permiten pedir a confianza dos galegos con argumentos e datos reais” e nas que se basea para encarar as eleccións autonómicas e conseguir unha maioría suficiente para seguir gobernando cunha dirección clara: “Galicia funciona e gustaríame continuar demostrándoo a partir do 18 de febreiro”.

Alfonso Rueda compromete a conversión do Hospital Provincial de Pontevedra nunha residencia universitaria: “Hai que seguir achegando a Universidade á cidade”

RECONVERSIÓN DO ACTUAL HOSPITAL PROVINCIAL EN RESIDENCIA ESTUDANTIL

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, mostrou tamén a súa aposta por aproveitar ao máximo as potencialidades de Pontevedra como cidade universitaria e, ao mesmo tempo, abordar o problema de falta de aloxamento estudantil con medidas como a reconversión do actual Hospital Provincial –unha vez conclúan as obras do Gran Montecelo– nunha residencia universitaria e así permitir “que os estudantes veñan á cidade e teñan á súa disposición unha alternativa de calidade”.

Un obxectivo a cuxa consecución vai destinada tamén a recentemente anunciada gratuidade das primeiras matrículas universitarias e que se suma á conxelación de taxas que Galicia aplica desde hai anos. “Seremos a primeira Comunidade que permita a toda a xente que queira estudar no ensino público, desde que empeza na educación infantil ata que finaliza o seu grao universitario, facelo gratis”, explicou Roda incidindo en que “vale a pena premiar o esforzo”.