Sábado. 27.07.2024

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das Axudas Galicia-París 2024, dirixidas ás persoas que tomarán parte nos Xogos Olímpicos deste verán, cunha dotación de 250.000 euros e que inclúen como novidade, ademais dos deportistas, aos técnicos, adestradores, xuíces e árbitros como beneficiarios. Os solicitantes, explica a Xunta nun comunicado, deberán atoparse, en todo caso, na convocatoria oficial definitiva para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024.

Esta liña de apoio, inclúe ata sete tipos de axudas que van dende os 1.500 aos 12.000 euros, segundo as funcións que dexempeñe a persoa beneficiaria e, no caso dos deportistas terase en conta se participaron con anterioridade en outros Xogos e se acadaron medallas nos mesmos. As bases desta convocatoria pódense consutar na web Deporte Galego. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude preferentemente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro.

Estas Axudas Galicia-París 2024 trátase dunha das medidas de apoio ao deporte galego e que se suma ás becas para deportistas de alto nivel (DGAN) e as destinadas a técnicos, adestradores, xuíces e árbitros de alto nivel (TAXAGAN) que foron convocadas por primeira vez no 2023. A través de ambas convocatorias concedéronse o ano pasado case medio milleiro de axudas que suman máis de 700.000 euros.

Galicia vai camiño de ter unha representación de récord no Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, con preto de 70 galegos que están na carreira dos Xogos, e teñen praza asegurada ou marca para optar á súa selección. 

Algúns dos deportistas que se poderán acoller a esta convocatoria son os piragüistas Teresa Portela, Carlos Arévalo, Antía Jácome, Rodrigo Germade e Carolina García; a regatista Tamara Echegoyen; os atletas Adrián Ben, Ana Peleteiro, Esther Navarrete e Tariku Novales; a futbolista Teresa Abelleira; ou púxil Enmanuel Reyes. Outros nomes de posibles beneficiarios son Juan Antonio Saavedra en tiro paralímpico, Caetano Horta en remo, Antonio Serrat en triatlón, Susana Rodríguez en paratriatlon, Martín de la Puente e Desiree Vila en atletismo adaptado, Jacobo Garrido en natación adaptada, ou Judith Rodríguez en esgrima adaptada.