Sábado. 27.07.2024

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, vén de recibir no Concello ao equipo local de fútbol gaélico que se acaba de proclamar subcampión de Europa da especialidade nas categorías infantil e cadete. Ao acto, ademais dos xogadores, tamén acudiron o adestrador David de la Torre e os integrantes da ANPA do CPI Antonio Orza Couto, que son os promotores desta iniciativa como actividade extraescolar. 

O rexedor incidiu en que ningún equipo galego ata a data chegara á final deste torneo, o European Feile que se disputou no centro de negocios de Montecastelo en Vigo e no que se deron cita os mellores equipos do continente, de países como Alemaña, Bélxica, Francia ou Suíza. Por este fito, Rodeiro felicitou aos integrantes do equipo e aos seus promotores, e ofreceu a colaboración do Concello de Boqueixón de cara á realización dun campus de verán este mesmo ano, como planean dende o club local de fútbol gaélico.

O salón de plenos do Concello acolleu a recepción dos subcampións de Europa
O Concello de Boqueixón acolleu a recepción dos subcampións de Europa

"Este non é o primeiro intento. O ano pasado fomos a Berlín pero non tivemos esta sorte. Este ano demos a sorpresa”, explicaba o adestrador do equipo na súa intervención na recepción e destacou a "afouteza da rapazada de Boqueixón sobre o terreo de xogo; non agardaba esta actitude no campo nin chegar ata onde chegamos, porque foi unha sorpresa para todos en xeral".  

O Boqueixón foi de menos a máis, derrotando na fase de grupos a todos os seus rivais, do mesmo xeito que xa fixeran un mes antes no campo de fútbol do Forte no torenoe Pre-Féile. A final enfrontounos ao Bruxelas, e ainda que manteron o tipo durante todo o encontro, chegando ao descanso cun empate a sete, no segundo tempo impúxose o físico dos xogadores belgas.