Sábado. 27.04.2024

Raquel Román (CC Bici Verde) e Diego Álvarez (V Bikes Team) foron os vencedores da segunda proba do circuíto Transgalaica de BTT, organizada polo Club de Ciclismo Os Esfola Arros e a empresa Team Relay coa colaboración do Concello de Ames. Esta é a oitava ocasión na que esta proba ciclista, unha das máis importantes do noroeste peninsular, ten como escenario o municipio amesán.

Un total de 321 ciclistas tomaron parte na competición na que tiveron que dar dúas voltas a un circuíto de 32 Km. Os corredores saíron ás 9:30 horas dende o Pazo da Peregrina en Bertamiráns e percorreron Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte San Marcos, o alto de Liñaredo, o Piñeiro do Real Aeroclub, e volveron por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada.

A gañadora, Román, marcou un tempo de 4:01:56 horas, por diante de Rebeca Múñoz (CM Xesteiras) con 4:13:47 horas, e completou o podio Eva Ortega (CD Extol) con 4:17:09 horas. O vencedor Álvarez parou o crono en 3:01:19 horas, superando a Daniel García (CM Xesteiras) que foi segundo (3:03:12 horas), posto que acadou na recta final ante  o seu compañeiro  Manuel Casuso (3:03:20 horas).