Mércores. 29.05.2024

O grupo popular compostelán denunciou os danos producidos na praza do Obradoiro durante o evento do pasado mércores nas festas da Ascensión e esixiu que o BNG dea a coñecer quen outorgou a autorización, a pesar de contar cun informe previo negativo. Así o comunicou o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, para reclamar que se asuman responsabilidades polos danos “nunha praza que é Patrimonio da Humanidade, unha das prazas máis importantes do mundo”.

Para o líder popular, “se alguén permitiu estes eventos cun informe negativo e, como consecuencia destas actuacións, hai danos na praza do Obradoiro, queremos saber se se vai asumir algún tipo de responsabilidade ou se vai dar algún tipo de explicación”.

Neste sentido, Verea lembrou que, antes de dar comezo as festas da Ascensión, o goberno local recoñeceu a existencia dun informe de Patrimonio que prohibía as accións previstas no Obradoiro. “Supoñemos que ese informe advertía de posibles danos no noso patrimonio” e reclamou que se faga público o documento respecto á actuación con grandes tráileres na praza.

O líder popular destacou que son visibles importantes danos, xusto na zona onde se apoiaron eses vehículos, polo que “queremos saber se estes danos foron analizados polos técnicos do Concello e se son consecuencia, como todos supoñemos, das actuacións con grandes camións”.

O PP ESIXE RESPOSTAS DO GOBERNO LOCAL

“Non se pode aceptar que, cun informe desfavorable sobre a mesa, se autoricen eventos que danen o noso patrimonio, polo que lle facemos tres preguntas ao BNG: queremos coñecer, e que se faga público, o contido exacto dese informe desfavorable; queremos saber tamén quen autorizou as actuacións, sabendo que existía dito documento; e queremos saber se os danos materiais sufridos na praza do Obradoiro son consecuencia destas actuacións, así como o alcance dos mesmos; e, por suposto, se alguén ten pensado asumir algún tipo de responsabilidade”, reiterou Borja Verea.

Finalmente, o líder popular mostrou a súa preocupación ante “feitos moi graves, é a primeira vez que se autoriza un evento destas dimensións contando cun informe negativo de Patrimonio e ninguén do BNG asume ningún tipo de responsabilidade nin dá ningún tipo de explicación”, para rematar sentenciando que “Santiago non se merece un goberno que non dignifique, non protexa e non coide a súa esencia, como é o noso patrimonio”.