Sábado. 27.07.2024

Milleiros de veciños e veciñas, así como numerosos visitantes, tomaron parte, na fin de semana do sábado 11 de maio, nunha exitosa XXVI edición da Festa da Tro  ita en Sigüeiro, organizada polo Concello de Oroso, e que nesta ocasión batiu todos os récords de participación nos concursos de pesca, tanto na categoría de adultos como na infantil, o que deixou patente a gran aceptación e interese dos asistentes pola pesca deportiva.

Este ano o pregón correu a cargo do alumnado de 3º da ESO do IES de Oroso, quenes demostraron a súa paixón polo entorno natural e a importancia da preservación dos ríos e dos seus ecosistemas. Unha xornada final na que participou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo rexedor Álex Doval, e que desfrutaron das degustacións de troitas e da multitude de actividades como xogos tradicionais e de habilidade, deportes, pasarrúas ou obradoiros que pecharon esta nova edición, na que destacaron os produtos locais e principalmente a troita.

Álex Doval, centro, e a conselleira Ánxeles Vázquez durante a degustación de troitas (Foto: Mónica Montero)
Álex Doval, centro, e  Ánxeles Vázquez durante a degustación de troitas (Foto: Mónica Montero)

"A Festa da Troita de Oroso é un referente para a promoción do relevo xeracional na pesca deportiva da Comunidade", díxo Ángeles Vázquez sobre o récord de participación no concurso de pesca infantil, con máis de 25 deportistas menores de 14 anos,e do que salientou que estas cifras "garanten o futuro desta práctica deportiva", nun coto tan importante como é o do río Tambre en Sigüeiro.

Finalmente, a conselleira destacou o labor que fan os pescadores no coidado do medio ambiente, para o que "sempre contarán coa man tendida da Xunta para garantir a preservación dos distintos recursos e a sustentabilidade desta práctica de cara ao futuro".

No musical, o toque local puxérono o sábado Tania Veiras, e o domingo Dani Royo, mentres que a orquestra Os Satélites puxo o colofón final á unha Festa da Troita que segue a medrar en cada nova edición tanto en participación como na súa programación.

Autoridades e organización durante a pasada Festa da Troita en Sigüeiro (Foto:Mónica Montero)
Autoridades e organización durante a pasada Festa da Troita en Sigüeiro (Foto:Mónica Montero)