Mércores. 29.05.2024

A Xunta de Galicia financiará máis do 80% das obras do futuro centro de día para persoas maiores que proxecta o Concello de Toques, o que supón máis de 283.000 euros de investimento autonómico. As instalacións situaranse nunha parcela de propiedade municipal, ocupada actualmente pola antiga escola.

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Toques, José Ángel Penas, visitaron as instalacións que acollerán o novo servizo, que será xestionado polo Concello.

Así pois, a actuación dotará ao municipio de 25 prazas para o coidado de persoas maiores e forma parte do Plan de investimentos da Xunta para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Dito plan está dotado con 18,5 millóns de euros do ente autonómico e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co que se financiarán uns vinte proxectos.

Durante a visita, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar destacou o reforzo que suporá o Plan de investimentos para as residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen das administracións locais. Ademais da mellora das instalacións, tamén implicará a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diúrna.