Sábado. 27.07.2024

Nas próximas semanas o Concello de Ferrol incorporará a 20 novos traballadores grazas a unha subvención da Xunta de Galicia para sufragar a contratación de persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga).

Grazas á subvención autonómica, o Concello de Ferrol contará durante nove meses con dez auxiliares administrativos, catro ordenanzas, un limpador, un oficial de obras e un peón de obras, entre outros postos. A subvención concedida é de 253.100,43 euros, equivalente aos custos salariais totais das contratacións de persoal temporal para a obra ou servizo obxecto da solicitude.

Segundo lembrou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, un dos principais problemas que ten o municipio é a falta de persoal. Así pois, “un dos nosos compromisos é mellorar a calidade dos servizos que prestamos ao cidadán, axilizar a tramitación administrativa xunto coa reorganización do persoal e a convocatoria das prazas para cubrir as vacantes”, explicou o rexedor.

CINCO AUXILIARES ADMINISTRATIVOS

Ademais das 20 contratacións subvencionadas pola Xunta, incorporaranse cinco auxiliares administrativos ao persoal municipal para reforzar as áreas de Deportes, Servizos, Biblioteca, Intervención e Rexistro, segundo adiantou o alcalde.

Esta convocatoria forma parte do proceso para desbloquear as prazas convocadas nas ofertas públicas de emprego dos anos anteriores, que non se chegaron a convocar. “Temos necesidades urxentes e inaprazables de persoal da subescala auxiliar e/ou administrativo en gran parte dos servizos. Con estas cinco incorporacións trataremos de axilizar a tramitación administrativa nos departamentos”, explicou o rexedor ferrolán.