Venres. 03.05.2024

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, anunciou en Moaña que un goberno liderado polo BNG ampliará a cobertura da atención á saúde bucodental na atención primaria, incluíndo cambio de pezas e dentadura, empastes, limpezas ou todo o relativo á prevención, cuestións que considerou fundamentais na saúde das persoas.

“Unha das medidas que tomarei como presidenta será ampliar o programa de saúde bucodental de maneira que todas as persoas ao final da lexislatura poidan ir ao seu centro de saúde para poder facerse unha limpeza, un cambio de pezas ou de dentadura, un empaste ou todo o que ten que ver coa prevención neste ámbito”, afondou.

Pontón afirmou que esta é a día de hoxe unha “barreira moi importante” para moitas persoas “que non poden pagarse a súa saúde bucodental” cunha alusión ao dito “pódese saber a clase á que pertence unha persoa mirándolle a dentadura”.

“Queremos que esa barreira desapareza e que todas as persoas teñan acceso á mesma saúde bucodental, con independencia de cales sexan os seus recursos”, recalcou para advertir que, a día de hoxe, os galegos e as galegas gastan  540 euros anuais para pagar servizos sanitarios na sanidade privada, un parte moi importante que maioritariamente están destinados á ou ao dentista.

A líder nacionalista defendeu a posta en marcha da medida para garantir e “normalizar” a atención en materia de saúde bucodental na sanidade pública do País. “Trátase de que a saúde bucodental forme parte da normalidade do noso sistema sanitario e que evitemos as barreiras que hai neste momento porque hai moitas persoas que teñen problemas coa súa dentadura e as súas encías e non poden pagarse ese servizo”, resumiu.