Venres. 29.03.2024

Cal é a actualidade que vive o sector da pesca polas últimas decisións tomadas desde a Unión Europea?

Vivimos tempos complicados acentuados por feitos como as consecuencias da guerra en Ucraína ou decisións inxustificadas e de marcado carácter ambientalista da Comisión Europea como o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias. Esta prohibición está a ter un importante impacto pois xa se produciu un descenso nas descargas e na facturación diaria da frota que oscila entre o 20 e o 50%. Tamén se están dando discrepancias na vixilancia das profundidades superiores aos 400 metros polo que defendemos que se realicen os axustes necesarios para evitar erros inxustificados. Realmente trátase dunha medida totalmente arbitraria, sen base científica, que provoca a saída da frota dunhas zonas de pesca nas que veu traballando durante décadas sen causar ningún dano a outras nas que xa se atopan outros buques, o que deriva no solapamento de áreas de traballo e a posibilidade de que haxa unha sobreexplotación dos recursos neses caladoiros.


 

A Xunta proponse recorrer esta medida?

Os xuristas especializados aos que consultou a Xunta trasladáronnos que a fórmula máis adecuada para frear este despropósito é a vía xudicial directa por parte dos estados membros, pois son actores privilexiados neste proceso e é máis probable que os seus recursos teñan opcións de prosperar. Non obstante, tal e como explicamos en distintas ocasións, en caso de que o Goberno central non presente ese recurso, farao a comunidade malia que a súa demanda tivese menos posibilidades de éxito. O prazo para presentar o recurso é de dous meses desde a publicación do regulamento de execución, polo que remata o próximo 19 de novembro. Por iso, urxe presentalo canto antes. A Xunta xa aportou tanto ao Goberno central como ás asociacións de armadores os argumentos reunidos desde Galicia para fundamentar ese recurso co obxectivo de que prospere e anule unha medida moi prexudicial para a nosa frota.

A conselleira nun acto da súa consellería
A conselleira nun acto da súa consellería

Está trazando a Xunta algún plan estratéxico por mor destes problemas?

Estamos a traballar desde o primeiro momento para atallar os plans de Bruxelas neste sentido. Comezamos xa en 2020 cando detectamos na Comisión Europea un cariz excesivamente ambientalista ao deseñar a Estratexia sobre a Biodiversidade, que atribuía á pesca a maioría dos problemas que afectan aos mares e océanos. Desde ese momento mantivemos encontros co sector, realizamos xestións ante Bruxelas, á que lle trasladamos distintos informes, ao tempo que buscamos aliados no resto de comunidades e rexións europeas con intereses pesqueiros. Agora seguimos con eses contactos coa finalidade de facer unha fronte común na defensa da nosa frota. O fundamental é que se presente o recurso e solicitar unha suspensión temporal do veto á pesca de fondo para evitar máis prexuízos ao sector mentres non se resolve o procedemento xudicial.

A vía xudicial directa é a máis axeitada, e no caso de que o Goberno non presente o recurso, farao a comunidade

A Consellería do Mar aumenta o seu orzamento no ámbito formativo para 2023, que accións se levarán a cabo?

O próximo ano destinamos 10 millóns de euros ao eido formativo co obxectivo de blindar o excelente labor que desenvolven os centros de formación marítimo-pesqueira dependentes da Consellería, que son as escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol, o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Estes centros realizan un papel clave a prol da remuda xeracional, un dos principais retos do sector, e tamén son fonte de vida para a economía das zonas costeiras nos que están asentados. Cremos que o sector do mar ten futuro e para logralo temos que seguir traballando na tan necesaria remuda xeracional.

O principal agora é presentar o recurso e solicitar unha suspensión do veto para evitar máis prexuízos

Que iniciativas se están levando a cabo para promocionar os produtos do mar galego?

Mantemos un forte compromiso no ámbito da comercialización e con ese fin puxemos en marcha a campaña de promoción GALICIA SABE AMAR. Con ela buscamos dar a coñecer a calidade dos peixes e mariscos da comunidade, impulsar o seu valor e agradecer o gran labor que desenvolven os profesionais do mar para abastecer á cidadanía de proteína mariña da máxima calidade. Dentro desta campaña xeral inclúense outras accións específicas dirixidas aos máis novos, como Ti si que es un bo peixe ou Fai clic ao teu bocata, ou aos millennials como Vai de peixe. Avanzando nesta idea, en 2023 investiremos máis de 11 millóns de euros na difusión da calidade dos peixes e mariscos de Galicia, nos que se inclúe a presenza de empresas locais do sector nunha quincena de eventos sectoriais nacionais e internacionais coa finalidade de que poidan entrar en novos mercados. Accións coma esta contribúen a impulsar as exportacións de produtos do mar de Galicia, que en 2021 marcaron máximos ao superar os 2.400 millóns de euros.


 

Como beneficiará a Galicia a plataforma eólica mariña?

Antes de nada, debemos deixar claro que desde Galicia sempre defendemos que o desenvolvemento da eólica mariña debe ser compatible coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema. Con esa filosofía e con total vontade de diálogo e consenso creouse o Observatorio da eólica mariña, no que están representados o sector marítimo-pesqueiro e a industria. Trátase dun espazo de encontro para identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación da eólica mariña no litoral da comunidade. Un exemplo dese obxectivo de dar pasos facendo compatibles as dúas actividades é a primeira plataforma experimental da eólica mariña, que contará coa colaboración da Autoridade Portuaria da Coruña e con Rede Eléctrica e que foi avaliada polo Observatorio da eólica mariña. O fin desta plataforma é ser unha infraestrutura de ensaio que permita testar prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio ambiente e a biodiversidade. Este proxecto conta cun investimento aproximado de 12 millóns de euros e con el o Goberno galego busca optar aos fondos europeos que convoque o Executivo estatal.

Desde a Xunta defendemos que o desenvolvemento da eólica mariña debe ser compatible coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema

Desde a Consellería do Mar apóianse proxectos para mellorar as instalacións das pymes de transformación dos produtos do mar, cal é o balance deste 2022?

Dentro da convocatoria deste ano de axudas para melloras nas pemes de transformación de produtos do mar apoiamos 47 proxectos por un importe de máis de 19,5 millóns de euros. Con estas achegas a Xunta aporta ata o 50% do importe subvencionable de cada proxecto, polo que o investimento total das iniciativas aprobadas é de arredor de 40 millóns de euros. Deste xeito buscamos que o sector transformador de produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o seu impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade. Ademais contribuímos a aumentar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos. Incluíndo os proxectos aprobados nesta convocatoria, desde 2016 beneficiáronse destas subvencións 330 iniciativas de empresas de transformación de produtos do mar por valor de máis de 95 millóns de euros.

Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar no porto de Muros
Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar no porto de Muros

Existen novas inversións nos grupos de acción local pesqueiros, como foron evolucionando desde os seus comezos ata o momento?

Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) son sinónimo de vitalidade para as zonas costeiras. Por iso seguimos apostando de xeito firme por eles e nos orzamentos de 2023 destinamos máis de 11 millóns de euros para garantir a súa actividade durante a transición ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Con este esforzo orzamentario queremos que sigan co seu labor ao tempo que avanzan da man do Goberno galego nas novas estratexias de desenvolvemento local participativo que rexerán no próximo período de programación financeira. De feito, Galicia é unha das primeiras rexións en avanzar na definición desas estratexias. Boa mostra da importancia do papel destes grupos no litoral galego son os máis de 660 proxectos desenvolvidos desde a súa creación no ano 2016 ata finais de 2021. Estas iniciativas xeraron unha actividade económica que permitiu aportar máis de 230 millóns de euros á economía galega e a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos de xeito global.

A Consellería do Mar leva anos apostando polos GALP que son sinónimo de vitalidade para as zonas costeiras.

Cales son os obxetivos do proxecto Pescando 4.0?

Trátase dunha iniciativa liderada pola Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) da que forman parte socios como o Cetmar -dependente da Consellería do Mar- e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Está financiada polo plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os fondos europeos Next Generation e ten como obxectivo poñer en marcha un sistema que garanta a veracidade da información asociada á trazabilidade, seguridade alimentaria e sustentabilidade dos produtos pesqueiros. Atendendo a este fin, desenvolverase e porase en marcha unha plataforma piloto baseada nas tecnoloxías 4.0, Blockchain e IoT, e validarase o funcionamento desta solución en tres pesqueiras, desde a captura do produto ata a súa primeira venda.


No 2023 un dos principais retos será seguir mantendo unha fronte común co sector ante as prexudiciais medidas de Bruxelas

Cales son os retos da Consellería que dirixe no próximo ano 2023?

Temos que seguir avanzando en cuestións como a fronte común co sector ante Bruxelas dadas as prexudiciais decisións que está a aprobar, en moitos casos, sen consulta previa. Un exemplo moi clarificador destas medidas é o arbitrario veto á pesca de fondo da que falaba ao principio. O obxectivo é que Bruxelas mire a Galicia e sexa consciente da súa realidade marítimo-pesqueira. Outro reto é a Estratexia de Economía Azul, unha axenda orientada aos sectores con vantaxes competitivas coordinando as actividades tradicionais, como a pesca, coas emerxentes, como o naval ou o turismo costeiro. Está previsto que esta ferramenta vexa a luz antes de que remate esta lexislatura como resultado do noso compromiso co equilibrio ambiental, social e económico para garantir o futuro do mar de Galicia. Tamén daremos continuidade ao traballo de deseño do Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030, froito dun convenio de colaboración que asinamos entre a Xunta e a Universidade da Coruña e a súa fundación, así como cos grupos de acción local do sector pesqueiro. Trátase dun documento vivo que recollerá as conexións da comunidade litoral e do seu patrimonio co obxectivo de conservalo e protexelo, unha ferramenta que agardamos ter lista o próximo ano.