Domingo. 28.04.2024

Cando recolle o mando de alcaldesa de Teo, sorprendeuna o estado das contas de facenda local, logo da auditoría do concello?

Sorprendeume en certa maneira, porque eu sabía que o estado das contas non era bo, xa que era concelleira na lexislatura pasada de oposición. Vendo o estado das liquidacións da conta xeral cando hai que dar parte ao Consello de Contas, evidentemente aí xa a foto fixa da realidade era bastante complicada. Pasabamos durante todo o ano facendo transferencias dun lado para outro, xa denotaba que non eran unhas contas realistas. A parte de que non se sacaba un orzamento como debe de ser todos os anos. Eso é o que indica que tes un goberno estable coas cousas ben programadas.

Loxicamente a auditoría encargueina só dous anos anteriores, porque era para uso interno, para saber fidedignamente como estaban as cousas. Cando chega o resultado deses dous anos de auditoría dinme conta do calibre do asunto, porque había cousas que eu como concelleira da oposición descoñecía. Hai, por citar algunhas cuestións, adxudicacións directas de contrato de 65.000 euros, temos tamén valores de horas extras dalgúns servizos do concello sen pasar por ningunha mesa de negociación e seleccionadas arbitrariamente.

As retencións de crédito, un concepto que aquí practicamente non se levaba a cabo, é unha como outras tantas cousas que se reflicten na lei e que aquí non se aplicaban. Basicamente tratábase o diñeiro público como diñeiro privado. Entón, cando vexo ese calibre é cando decido primeiro informar ao Consello de Contas, para que diriman e depuren as responsabilidades e para quedar exonerada de toda esa xestión que non era miña; e despois loxicamente aos cidadáns. Isto é una administración, ten que haber transparencia total e absoluta. E os cidadáns deben saber en que se gastan os seus impostos. Polo tanto decido facela pública por ese motivo.

Sorprendeume? Sabía que as cousas ben non ían estar, pero se tivera ido a polo anterior executivo tería encargado a auditoría de 16 anos para atrás, ou polo menos de toda a lexislatura anterior. Só fixen de dous anos para saber exactamente o estado de contas. Pero cando vexo que hai 3,4 millóns de euros de débeda viva, facturas sen aprobar, contratos menores que sabemos que para obras son 40.000 máis IVE e para outro tipo de cuestións de servizos é 15.000 máis IVE... Os de 15.000 máis IVE están en 26.000 máis IVE, como as escolas de patinaxe. Sen dúbida é dunha gravidade extrema.

«Informei ao Consello de Contas para que depurasen as responsabilidades e quedar exonerada desa xestión que non era miña»

Polo tanto, ante isto, como esta ban os contratos do concello grosso modo?

Pois temos, grosso modo, 17 contratos, pero dos fundamentais, sen licitación. É dicir, en precario. Empéñanse en sinalar aos técnicos, pero non. Os técnicos efectivamente son os que teñen que licitar, pero o alcalde é quen ten que poñer en marcha a licitación, quen ten que dicir mañá poñémonos coa licitación do lixo, dos xurídicos, de telecomunicacións... Os técnicos obedecen tamén a unha indicación dun superior, neste caso era o alcalde.

Do anterior goberno

temos 17 contratos

fundamentais sen licitación, en precario”

 

E pasados os 100 primeiros días de goberno, que aspectos logrou mellorar? Existe algún ámbito no que lle gustaría ter mellorado e aínda non foi así.

Mellorar temos que mellorar en todo, loxicamente. Hai que darse conta de que eu chego cuns orzamentos xa decimados, comprometidos, e que ademais non son actuais, porque non os sacaban anuais, é un orzamento de 2021 prorrogado. Polo tanto con esa casuística dificilmente podemos facer moitas cousas.

Aínda así, fomos quen de ir ás administracións superiores e solicitar axudas, baixo o meu punto de vista de urxencia. Por exemplo, o arranxo da cuberta do pavillón dos Tilos, no que estaba chovendo dende fai máis de 16 anos, e a xente recibindo alí clases de todo tipo e os nenos desenvolvendo todo o tema de deporte e chovendo. Acudimos á Xunta de Galicia, asinamos un convenio e a cuberta hoxe en día está renovada.

Despois melloramos vías. Por exemplo pedimos tamén á Xunta de Galicia, neste caso a Medio Rural, o arranxo dos camiños que estaban intransitables, como é o de Cesar, en Calo, que recentemente acabamos de asignar un convenio para o seu arranxo. E tamén melloramos o de Cornide, e pouco a pouco, iremos mellorando todas as infraestruturas, porque eso é fundamental. Agora mesmo en Teo o que temos que facer é centrarnos en arranxar o que temos, que é importantísimo.

Lucía Calvo de la Uz, Alcaldesa de Teo

Foto Mónica Montero
Lucía Calvo de la Uz, Alcaldesa de Teo Foto Mónica Montero

Entón entendemos que hai colaboración por parte da Xunta. E por parte da Deputación?

Por parte da Xunta acabo de citar uns exemplos, tamén hai outras subvencións ás que optamos, e hai plena disposición. Como con Teo, con todos os concellos, porque a Xunta de Galicia asina este tipo de convenios con concellos de todos os eidos políticos todos os días.

No tocante á Deputación, recentemente reuninme co presidente, Valentín Formoso, e expliqueille todas as inquedanzas que temos en Teo e que é moi importante que se fagan cargo das estradas da súa titularidade, como é a humanización do núcleo de Luou, unha demanda importante.

A DP-8201, a estrada que conecta Oza e Santa María de Teo, está estreitada en todo o longo. Mide de ancho 3 metros en toda a súa extensión e é un accidente esperando a pasar, todos os días hai alí descarrilamentos.

Son cuestións que non son antollos nin posicións políticas. Simplemente teñen que facerse cargo das súas vías e así o trasladei ao presidente. Teño boas expectativas nesa reunión e o presidente acolleu ben a proposta. Imos ver en que se traduce.

«A Deputación da Coruña tense que facer cargo das súas vías, así o trasladei ao seu presidente»

E falando de estradas, unha das súas primeiras reunións foi polo transporte metropolitano. Como vai o estudo para mellorar o servizo aos veciños? Sabemos algo de que o bus poida chegar ao Gadis de Cacheiras?

Recentemente volvinme reunir coa Xunta de Galicia, aceptaron a reproposta que lle fixemos do transporte metropolitano, abriron un expediente e estano a trasladar á empresa; en breve teremos unha contestación ao respecto. Penso que non haberá maior problema.

En canto ao transporte urbano, dependemos do convenio asinado co Concello de Santiago de Compostela. Despois daquela reunión pedín cita varias veces á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Díxome que lle faltaba algún floco por arranxar e que xa me dirían.

Eu sigo á espera porque penso que é unha mellora moi importante para Teo, sen dúbida, pero tamén para Santiago, que se beneficiaría da conectividade. Moitos veciños de Teo traballan e estudan en Santiago. A parte diso, aliviaríamos o tráfico rodado, que tamén é unha limitación importante en Santiago de Compostela. E xa nin falamos do medio ambiente, do beneficio que sería apostar polo transporte público. Entón estou á espera, agardo que todo chegue a bo porto.

Lucía Calvo de la Uz, Alcaldesa de Teo e o editor na entrevista

Foto Mónica Montero
Lucía Calvo de la Uz, Alcaldesa de Teo e o editor na entrevista Foto Mónica Montero

E falando de tráfico rodado, dise que a renovación de Milladoiro vai comportar máis tráfico para As Galanas, que Teo vai asumir eses coches. Como o ve a alcaldesa?

Sinceramente eu non me meto no que é a humanización en si. O único que digo, e onde vou estar en fronte de Ames ou de quen sexa, é que esa desviación de tráfico realmente é un funil total que vai prexudicar e vai ser moi lesivo para o Concello de Teo.

Eu sei que a Xunta de Galicia está co recurso, pero loxicamente estou aquí para defender aos meus veciños. Que ninguén pense que a Xunta me utiliza para absolutamente nada. Houbo insinuacións que de que a Xunta me utiliza e manexa; non me utiliza para nada.

Aparte diso, é de sentido común, é moi lesivo para o tramo das Galanas. A humanización en si é cousa de Ames, aí non me meto. Pero no momento no que afecta ao meu municipio, eu teño o deber e a obriga de defender os meus intereses e o dos meus veciños e veciñas.

Penso que non poden trasladar os problemas a outro municipio. Deben arranxar o problema que teñen, que é moi lícito, pero non trasladarmo a Teo.

«A desviación do tráfico pola humanización do Milladoiro sería moi lesiva para Teo»

Mirando cara 2024, pode adiantarnos cales serán as principais directrices dos orzamentos de Teo para o vindeiro ano? Que proxectos lle gustaría acometer, a curto-medio prazo?

Os orzamentos van estar enfocados sobre todo no cidadán. Por que digo isto? Porque non imos incrementar os impostos de titularidade municipal, os que dependan do municipio van quedar conxelados, como están, para non ser unha carga. Os impostos son imprescindibles, ninguén discute iso, pero no momento no que estamos hai que aliviar aos cidadáns na medida que se poda.

Ademais van ser uns orzamentos realistas enfocados no arranxo do viario público, das infraestruturas e o patrimonio que ten o Concello de Teo.

De feito teño diversas reunións con distintos conselleiros para, por exemplo, o arranxo das escolas de Teo de titularidade da Xunta de Galicia. Acadamos o compromiso do conselleiro para abordar unha reforma integral do colexio de Calo, entre outras cuestións. A parte de reparacións importantes da cuberta no centro dos Tilos, unha ampliación necesaria do IES de Cacheiras... Eso entre outras cousas.

Basicamente un orzamento para o benestar e desfrute dos veciños, que é no que se teñen que converter os impostos. Tamén haberá un centro de día e un centro de saúde novo.

A maiores resalto as peticións sobre a AG-59, que para a nosa sorpresa e alegría a Xunta recolleu integramente. Faranse os enlaces tanto de ida á Estrada como de ida a Santiago, e execútanse xa nesta obra. Logramos tamén desprazar unha glorieta que era lesiva para todos os veciños do núcleo de Xermeade.

Estamos enfocados no benestar e a mellora do municipio e os orzamentos son un reflexo diso. Eso non quere dicir que non se vaia racionalizar; é que se vai gastar no que se debe gastar, en cousas para os veciños, non en intanxibles. Son cousas todas tanxibles, como o centro de día.

Por outra banda, tamén debemos cumprir coa legalidade e facer as cousas ben. Por exemplo, chegamos a este concello e non hai relación de postos de traballo (RPT), non hai plan de prevención de emerxencias... Hai unha serie de carencias moi chamadoras. Estes orzamentos van contemplar ese tipo de planes para ter todo organizado, racionalizado e, sobre todo, en regra.

«Os orzamentos van estar enfocados no cidadán, non imos incrementar os impostos de titularidade municipal para non ser unha carga».