Venres. 03.05.2024

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, fixo unha chamada á mobilización do voto do cambio e a concentrar no BNG a papeleta de todas as galegas e galegos que queren facer historia e abrir un tempo novo a partir do 18-F.   “Se o voto do cambio se mobiliza e se une no BNG, Galiza gañará un futuro mellor”, proclamou no Parque de Bonaval, no corazón da capital do País, nun acto horas antes do inicio da campaña electoral.

Rodeada dos cabezas de lista por A Coruña, Mercedes Queixas; Lugo, Olalla Rodil; Ourense, Noa Presas; e Luís Bará; Pontón apelou á mobilización porque, dixo, “estamos ante as eleccións máis importantes e máis abertas dos últimos quince anos” e porque o resultado do 18-F “non está escrito”. De aí a súa chamada a facer historia da man do BNG: “A todos os galegos e as galegas quero pedirlles que voten con ganas, con ilusión, convencidos e convencidas de que imos darlle motivos para que teñan esperanza nun futuro mellor”, proclamou.

Neste sentido, deixou claro que este é o momento de apostar polo BNG como garantía do cambio, con independencia da opción elixida noutros procesos electorais.  “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, proclamou Pontón ante a decisiva cita do 18-F. “Porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos”, engadiu, para facer unha nova chamada á confianza no BNG e a facer historia “dándolle a Galiza a primeira presidenta da súa historia coas mans libres”. “Non lles vou fallar”, asegurou.

A candidata do BNG amosouse convencida e que “o cambio é imparable” porque o empuxa unha maioría social que “quere avanzar, vivir mellor e mirar ao futuro con esperanza”. “Témolo ao alcance da man, pero non se pode perder ningún voto”, precisou, para a continuación pedir a toda a xente “inconformista que quere unha Galiza en grande e non esta Galiza en pequeno que nos deixa o PP”  que se mobilice coa “máxima forza” e traballen a prol do cambio no seu entorno familiar, no seu centro de traballo ou coas súas amizades.