Venres. 03.05.2024

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a candidata pola provincia da Coruña Carmen Pomar mantiveron un encontro con representantes de Down Galicia no que trasladaron á organización as medidas impulsadas desde o Goberno galego nos últimos anos en materia de atención aos alumnos con necesidades especiais.

Adiantaron neste sentido que nos vindeiros anos crearase unha lista específica de coidadores de alumnado con necesidades especiais que permita unha cobertura inmediata cando sexa necesaria, así como unha rede itinerante de profesionais de atención á diversidade en zonas rurais para unha mellor atención destes estudantes.

Paula Prado lembrou que “Galicia é a comunidade autónoma máis inclusiva de España” salientando que “o 93,5% do alumnado galego con necesidades educativas especiais está escolarizado en centros ordinarios”. Unha cifra que se sitúa máis de 10 puntos por enriba da media española, segundo datos publicados polo Ministerio de Educación.

INCLUSIÓN COMO BASE DO ÉXITO ESCOLAR

Na actualidade, Galicia conta con 14 centros públicos de educación especial dependentes da Xunta e preto de 5.000 profesionais están dedicados á atención á diversidade nos centros educativos galegos, o que supón un incremento do 49,38% nos últimos sete anos.

“Desde o PPdeG estamos convencidos que a inclusión educativa é a base do éxito escolar, xa que supón atender a cada estudante en función das súas capacidades, fomentando o seu talento e coa finalidade de que cada alumno acade o seu máximo rendemento dentro do sistema educativo”, sinalou a secretaria xeral do partido.

De cara ao futuro, Prado manifestou que “continuaremos traballando para que Galicia se manteña como un referente no ámbito educativo, reducindo aínda máis o fracaso educativo, que xa se atopa en mínimos históricos, e consolidando o modelo máis inclusivo de España”.