Xoves. 02.05.2024

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, inicia a última semana de campaña explicando á cidadanía a estrutura do goberno que aspira  liderar se ten a confianza dos e das galegas, así como os principios que guiarán tanto o exercicio da Presidencia como o propio executivo.

Pontón amosouse convencida de que o cambio é imparable e que cada día son máis as persoas que teñen as súas esperanzas postas no BNG para abrir un tempo novo e poñer en marcha unha Galiza mellor, asegurou. “Cada día que pasa é máis evidente que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou un goberno do PP con Alfonso Rueda de presidente, ou un goberno liderado polo BNG con Ana Pontón como presidenta”, resumiu.

Ante esta disxuntiva, quixo explicar con claridade á cidadanía as principais liñas que guiarán o exercicio da Presidencia e a organización do goberno. O primeiro que subliñou  a súa intención de cambiar o concepto de gobernanza: “Pasar de estar no goberno a ser goberno, porque non se trata de ocupar o Goberno da Xunta, senón de actuar como goberno para saír da inercia e transformar a realidade”.

Neste sentido, comprometeuse a darlle “a Galiza o mellor goberno de todos os tempos”, coas persoas “máis capaces, ilusionadas e dispostas a facer avanzar o País”, desde  a pluralidade da sociedade. “Non quero un goberno de persoas acríticas e sen iniciativa”, dixo, senón un Consello da Xunta “dinámico e participativo, con homes e mulleres brillantes, quero rodearme das mellores o dos mellores porque o que está en xogo é darlle futuro a este País e á súa xente”, engadiu.

En terceiro lugar, transmitiu á cidadanía a súa vontade de exercer a Presidencia sen prometer imposibles, recalcou, “para deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos”. Nesta liña, avanzou a súa determinación de abrir unha nova etapa cun goberno centrado en dar solucións aos problemas que preocupan á maioría, como sanidade, educación, o coidado dos maiores, a vivenda ou o emprego de calidade para chegar a fin de mes.

En definitiva, “abrir unha nova etapa para poñer ao País a producir dende a ciencia e a innovación, cun rural vivo e facer posible unha Galiza con oportunidades na que a igualdade e os dereitos das mulleres serán unha prioridade de goberno”.