Luns. 06.05.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou a compra, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, do Cine Fraga de Vigo para convertelo nun espazo para “o reencontro da cidade coa creación artística e cultural” e sede permanente da Galicia Film Comission.

Nun almorzo celebrado con representantes da sociedade viguesa, Rueda incidiu en que vai “seguir rexeitando a confrontación entre Administracións e defendendo que, se hai ganas reais de facer cousas e vontade de non obstaculizar, pódese contar coa Xunta, como se fai noutros concellos e lugares de toda Galicia”.

Afirmou que “a política da ocorrencia, de botar cousas ao aire, de buscar liortas e non facer nada, non funciona”, polo que avogou pola “xestión e por render contas” ante os cidadáns do traballo feito. Neste sentido, dixo que nestas eleccións autonómicas hai dúas opcións: “Ou unha maioría suficiente do PPdeG para pactar cos galegos e cumprir os nosos compromisos, ou un multipartito encabezado por un partido nacionalista-independentista”.

Na súa intervención, manifestou que “a política ten que axudar a crear riqueza para que a sociedade funcione, e para crear riqueza están os empresarios”. Así, apuntou que “a Administración ten que estar para estimular a economía, acompañala e non ser un obstáculo”, e para iso “o primeiro é o rigor económico”.