Luns. 29.04.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a priorizar a modernización e a dixitalización do sector pesqueiro galego apoiando de maneira directa e firme ás confrarías de pescadores, Organizacións de Productores Pesqueiros (OPPs) e ás asociacións representativas do sector neste proceso para o que é fundamental aproveitar cada céntimo dos fondos chegados de Europa.

Así, o candidato socialista comprometeuse a sacar á consellería do Mar do estancamento e a mellorar a xestión do novo fondo das políticas marítima, pesqueira e acuícola da Unión Europea (FEMPA) proposta para o período 2021-2027 “para que a frota pesqueira galega non perda nin un céntimo e desenvolva a toda a súa competitividade”.

Así, fixo fincapé no compromiso de traballar desde o próximo Goberno da Xunta man a man “para avanzar no desenvolvemento do sector pesqueiro da Mariña e de toda Galicia desde o horizonte da dixitalización, a xestión sostible e a protección do medio ambiente aproveitando cada céntimo que chegue de Europa”.

Fronte a xestión socialista, Besteiro denunciou “a incompetencia” da Consellería do Mar que perdeu 150 millóns de euros de investimento no sector pesqueiro procedentes do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2015-2020. Sinalou que “dos 300 millóns que lle correspondían a Galicia a Xunta de Rueda só foi capaz de executar o 49%; unha xestión desastrosa que compromete de maneira directa a pervivencia dun dos sectores máis importantes da economía galega”, incidiu.

O candidato socialista á presidencia da Xunta asegurou nunha reunión coa Asociación de Produtores do Porto de Celeiro que “cun goberno socialista  liderando a Xunta o sector pesqueiro por fin será escoitado”. Afirmou que o apoio á industria do mar séguese demostrando día a día desde o Goberno de España, “coa ansiada xestión en Bruxelas de fondos europeos específicos no marco do PERTE Agroalimentario”.

Besteiro recordou que o PERTE Mar-Industria era unha das principais demandas da industria do mar, asegurando que “pronto se poderá acceder aos 50 millóns de euros que vén de anunciar o ministro, Luís Planas, para que as empresas transformadoras poidan desenvolver proxectos estratéxicos de economía circular e dixitalización”.

“Demostramos unha vez máis que os socialistas cumprimos e facemos que as axudas pasen do papel á realidade das empresas, porque cremos nunha Galicia con máis e mellor economía, con máis emprego, con máis dereitos e con máis ambición de país”.

O candidato socialista puxo de manifesto o “gran traballo” dos produtores do porto de Celeiro, “sinónimo de bo facer e de éxito na industria, que se exemplifica nas súas capturas e na súa  frota”. Subliñou que a industria do mar en Galicia é a punta de lanza do desenvolvemento do sector pesqueiro español e animou aos produtores de Celeiro a seguir traballando na senda da innovación para gañar competitividade.

Besteiro tamén avogou por unha estratexia galega do mar que implique a todos os actores do sector mar-industria e sume esforzos para mellorar a capacidade de negociación da Xunta en Europa.