Venres. 03.05.2024

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, abriu a campaña na Coruña cunha chamada á mobilización masiva do voto do cambio e a concentrar no BNG a papeleta de todas as galegas e OS galegos que queren facer historia e abrir un tempo novo a partir do 18-F. “Pídolles que aposten todo ao BNG, porque somos a mellor alternativa para derrotar ao PP e poñer en marcha o cambio galego”, proclamou.

“Se o voto do cambio se mobiliza e se une no BNG, Galiza gañará un futuro mellor”, proclamou no acto de apertura de campaña, que compartiu coa cabeza de cartel pola Coruña, Mercedes Queixas. Pontón insistiu en que estas son as eleccións “máis importantes  e máis abertas dos últimos quince anos” e amosouse convencida de que “o cambio é imparable” e de que “está ao alcance das nosas mans”.

Destacou, neste sentido, que “este é o momento de apostar polo BNG como garantía dese cambio, con independencia da opción elixida en anteriores comicios.  Son a candidata de todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, proclamou Pontón ante a decisiva cita do 18-F.

“Porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos”, engadiu, para facer unha nova chamada á confianza no BNG e a facer historia “dándolle a Galiza a primeira presidenta da súa historia coas mans libres” para traballar pensando só en resolver os problemas da xente, unha presidenta -dixo- “á que só os galegas e as galegas lle van dar ordes”.  “Non lles vou fallar”, asegurou.

“A todos os galegos e as galegas quero pedirlles que voten con ganas, con ilusión, convencidos e convencidas de que imos darlle motivos para que teñan esperanza nun futuro mellor”, afondou a candidata á Presidencia, convencida de que “desta vez vai” e  de que Galiza está a piques de facer historia porque hai unha maioría social que “quere avanzar, vivir mellor e mirar ao futuro con esperanza”.