Domingo. 05.05.2024

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou en Lugo a campaña das autonómicas nun acto que serviu como pegada dixital do cartel electoral, que puido verse durante a súa intervención. Nunha abarrotada praza de Santa María na que se congregaron máis de 600 persoas, subliñou que “o mellor que lle pode pasar a Galicia é votar cambio o día 18”. Para iso, puxo ao Partido Socialista como “sinónimo de solucións coa receita de máis emprego, máis economía e mellor sanidade”. Acompañado pola vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, anticipou “unha campaña intensa e de moita ilusión, que terá a meta final no cambio”. Nestes 15 días, dixo, “o PSdeG estará presente en todo o País para mobilizar á inmensa maioría dos galegos e galegas que queren pór fin ao baleiro, o estancamento e a falla de proxecto do PP”.

Besteiro apelou a “unha campaña limpa fronte a crispación” e incidiu en que “os socialistas imos falar do que realmente lle preocupa a xente, dos seus problemas reais, de como imos atender as súas necesidades sen entrar en debates estériles e polémicas que nada teñen que ver con Galicia”. “Somos o partido das solucións fronte os problemas, o partido da verdade fronte o partido da mentira, o partido da tolerancia fronte o da crispación”, incidiu.

Resumiu o programa electoral do PP en “vou facer nos próximos catro anos o que non fixen nos últimos quince” e asegurou que “o verdadeiro programa do partido de Rueda é votar en contra dos 800.000 galegos e galegas que teñen unha pensión”. En contraposición insistiu en que o PSdeG “ten capacidade, ambición, experiencia e influencia en España para cambiar Galicia a mellor”.