Luns. 06.05.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, deu inicio á campaña electoral en Santiago de Compostela pedindo aos galegos e galegas o seu ben máis prezado –a súa confianza– e ofrecéndolles a cambio a súa traxectoria e credibilidade para seguir sendo Presidente dunha Galicia orgullosa, unida, próspera e que funcione cada vez mellor.

 A elección da Praza de Obradoiro para a celebración deste arranque de campaña non foi casual, xa que se trata non só dun dos símbolos da civilización occidental e a praza maior de Galicia, senón que é tamén o lugar que cada vez máis persoas desexan coñecer e o punto no que conflúen todos os camiños. O lugar elixido por Alfonso Rueda para comezar o que el mesmo definiu como o camiño máis importante da súa vida.

 Apuntou que o gran desafío destes días será pedirlle aos galegos e galegas o seu ben máis prezado: a súa confianza. E o líder dos populares galegos farao presentándose ante eles co máis valioso que el ten: a súa traxectoria e a súa credibilidade. Afirmou neste sentido que nel si se pode confiar, a diferenza daqueles que non teñen palabra, que cren que todo se pode negociar, que non hai máis límites que os da propia convivencia e que se disfrazan para ocultar o que realmente son.

 Referiuse así a un multipartito na oposición ao que lle molesta Galicia e máis concretamente esa Galicia que é como é e non como a eles lle gustaría, que non cala ante as inxustizas, que non se deixa discriminar, que se sente tan galega como española, que é unha terra aberta e que pensa como pensa en liberdade.

 Por todo iso, explicou, estes partidos teñen tanto interese en que Galicia abandone o seu propio camiño e dea un xiro brusco a algo ben distinto: deixando de ser exemplo para ser imitadora, deixando de ser responsable para ser inestable e deixando de ser o que sempre foi para ser o que son outros lugares de España.

Fronte a isto, Alfonso Rueda reivindicou que Galicia non é máis que os demais pero tampouco ten nada que envexar do resto: “Gústame Galicia tal e como é e por iso quero seguir sendo o Presidente de todos os galegos e galegas”.