Martes. 16.04.2024

O PP de Melide anunciou que reiterará a denuncia ante a Valedora do Pobo pola “utilización dos medios públicos, neste caso, a conta institucional do Concello de Melide para contestar á oposición sobre un asunto totalmente político”.

Dende o PP consideran que “a alta comisionada autonómica xa ditaminou a necesidade de que o goberno Pérez-Prado regulara o uso dos medios locais: páxina web, RRSS ou radio municipal. Coa publicación dun comunicado dende o mail institucional publicado na páxina do tenente alcalde de Melide demostrase unha vez máis que en vez de utilizar as contas de cada formación política para asuntos que teñen que ver coas diversas opinións que están representadas no pleno municipal se utiliza o aparello ou entramado local o cal é, sen dúbida moito máis potente e deixa en posición de inferioridade ademais de en dubidosa ética a posición dun goberno que continuamente utiliza este tipo de accións para contestar á oposición”.

Dalia García, portavoz popular, indica que “os actuais responsables municipais deberían ser moito máis respectuosos coa imaxe institucional do Concello de Melide que nos concerne a todos e a todas; existen canles partidistas moito máis abertos e libres onde seguir co debate; o PP simplemente o que pide é que se respecte a imaxe institucional do Concello e non se utilice con fins partidistas máis aló do fondo do asunto”.