Xoves. 28.03.2024

O PP de Melide vén de recibir as queixas dos veciños da rúa Camiño Real e do Campo Grande, “dado que están empantanados nos accesos as súas vivendas” di Dalia García, portavoz local. “Estes veciños, cansos de chamar ao Concello recorren á nosa formación para informarse xa que a resposta do bipartito AM-PSOE é o máis absoluto silencio. Un concello que continua de vacacións e non escoita os melidenses”.

Tal e como explican os populares “a situación na rúa Camiño Real e arredores imposibilita o normal discorrer do tráfico rodado cara esa zona de Melide, e os afectados non so son os veciños e veciñas que residen na mesma senon que imposibilita un tránsito normal cara servizos públicos como o CEIP Mestre Pastor Barral, ou o propio centro de saúde”.

“Hai semanas que se rematou a obra, unha obra que quedou orzamentada e proxectada con todos os permisos pola anterior corporación 2015/2019, o retraso na súa apertura e posta en funcionamento é unha mostra máis de que o bipartito paraliza a xestión pública da nosa vila, apuntan os populares, quen ademáis recordan que esta situación xa se produciu coa rúa Mestre Segade Bugueiro, so se puxo en funcionamento unha vez que o PP denunciou a situación”, apunta García.

Os populares conclúen que “o trastorno aos accesos domiciliarios unése o da reorganización do tráfico neste punto de Melide moi próximo a unha área comercial que implicou cambios de sentidos nas rúas onde unha vez máis, o goberno bipartito AM-PSOE fixo “mutis polo foro” ás demandas veciñais. Nunca antes Melide sufrira un goberno como o actual, esiximos que se conte coa veciñanza para cambios transcendentais nas rúas, é fundamental o consenso; a inactividade do bipartito melidense non ten fronteiras, rúas rematadas pechadas ao tráfico froito do traballo da anterior corporación que, dous anos despois, nin son capaces de poñer andar”.