Sábado. 20.04.2024

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e mailo alcalde de Ames, Blas García, presentaron no Milladoiro o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro. No acto de presentación participaron a maior parte dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e outros edís dos grupos con representación na Corporación municipal. Trátase dunha obra longamente demandada pola Corporación municipal e por toda a poboación do Milladoiro, e na que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 7,88 millóns de euros, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto persegue dotar das funcionalidades propias dunha vía urbana o treito urbano da estrada N-550 entre os puntos quilométricos 67+075 e 68+600.

O acto comezou coa intervención de Ángel González, xefe da Demarcación de Estradas, que indicou que o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, consta de tres partes, dúas delas xa en funcionamento e mailo proxecto que se presentou hoxe. A primeira medida posta en marcha para aliviar o tráfico da N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro foi o desvío de tráfico pesado con MMA>30T a través da autovía autonómica AG-56 e o ramal de “As Galanas”. Esta actuación permite que máis de 100 vehículos pesados ao día non pasen pola avenida de Rosalía de Castro.

Por outra banda, unha segunda medida para aliviar o tráfico na avenida de Rosalía de Castro é o proxecto de mellora da intersección da estrada N-550, no quilómetro 67,150, coa estrada SC-20, no punto quilométrico 10,350. Trátase dunha actuación que se executará na rotonda de entrada á localidade do Milladoiro dende Santiago de Compostela.

Crearase unha variante de acceso que conectará a saída da AG-56 coa avenida do Muíño Vello sen ter que pasar pola rotonda de entrada ao Milladoiro. Con esta actuación preténdese aliviar o tráfico na glorieta e dispor dun acceso directo cara a zona norte do Milladoiro e cara o parque empresarial Novo Milladoiro. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e conta cun orzamento estimado de 592.196 euros (IVA incluído). Este proxecto está actualmente en trámite de información pública.

CARACTERÍSTICAS DO PROXECTO DE HUMANIZACIÓN

De seguido, Francisco Prego, enxeñeiro que dirixe o proxecto de humanización, foi o encargado de explicar en que consiste o proxecto. Segundo dixo a avenida de Rosalía de Castro disporá dun único carril de circulación en cada sentido e unha mediana con xardín entre os carrís de circulación. Ademais, en función do espazo dispoñible crearanse unha ou dúas liñas de aparcamento con zonas de carga e descarga, así como beirarrúas con maior anchura e un carril bici. A actuación executarase nun trazado dun quilómetro e medio entre a rotonda de entrada ao Milladoiro e maila rotonda que está ao carón do supermercado Gadis. En dita travesía crearanse dúas novas intersección (glorietas); unha delas a altura da rúa Figueiras e da rúa Curuxa, mentres que a segunda estará situada entre as rúas Castelao e a rúa Madalena.

Deste xeito, a actuación na avenida de Rosalía de Castro converterá a actual travesía, pola que circulan 24.000 vehículos diarios, nunha vía urbana para mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e mellorar a calidade de vida da poboación da súa contorna. O proxecto contempla a reordenación e optimización do espazo público, pavimentación de beirarrúas e carrís de circulación, así como a xeración de itinerarios peonís accesibles. Daráselle prioridade ao transito peonil pero sen restrinxir o tráfico rodado. Ademais, renovaranse as zonas de parada do servizo de transporte metropolitano.

VELLA RECLAMACIÓN DA POBOACIÓN DO MILLADOIRO

A humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro é unha vella reclamación da poboación desta localidade e de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal do Concello de Ames. En febreiro de 2018 constituíuse a plataforma veciñal N-550, co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. Dende hai máis de 25 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 24.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.