O Presidente acompañou os veciños desta parroquia de Ordes

A Xunta entrega os títulos da parcelaria os propietarios de Santa Cruz de Montaos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do alcalde de Ordes José Luis Martínez Sanjurjo, na entrega os títulos de concentración parcelaria ás persoas propietarias de Santa Cruz de Montaos, en Ordes.

A Xunta prevé acadar a trintena de procesos de concentración parcelaria rematados no primeiro semestre do ano

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Goberno galego prevé acadar no primeiro semestre deste ano a trintena de procesos de concentración parcelaria rematados en Galicia desde 2020. Ademais, a administración autonómica traballa para alcanzar nese mesmo período as 30 novas zonas parcelarias decretadas, neste caso desde 2021. “Este é o camiño que Galicia necesita se queremos ter un rural moderno e aproveitar todas as oportunidades que hai agora e as que van vir”, indicou Rueda.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, entrega os títulos de concentración parcelaria ás persoas propietarias de Santa Cruz de Montaos, en Ordes.

Durante a entrega dos títulos de propiedade a 617 veciños da parroquia de Santa Cruz de Montaos (Ordes), Rueda resaltou que “a concentración parcelaria é un dos mellores mecanismos para darlle valor ás terras e mellorar a competitividade das explotacións agrarias. A terra é riqueza e ten que estar organizada para poder explotala e sacarlle todo o partido. Nesta liña, cómpre destacar que grazas aos procesos de concentración, as explotacións aumentan a súa base territorial e poden reducir custos, o que se traduce nunha maior rendibilidade”, indicou.

Con esta parcelaria de Montaos —na que a Xunta investiu case 2 millóns de euros e que permitiu a reorganización de máis de medio millar de hectáreas— son xa 26 os procesos rematados en toda Galicia desde o ano 2020, que beneficiaron a máis de 13.100 propietarios. En paralelo, a Xunta decretou 28 novas zonas de concentración parcelaria desde 2021 que van reorganizar 23.000 hectáreas de case 110.000 parcelas de máis de 16.100 propietarios. O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, é “chegar á trintena de procesos rematados e á trintena de novas zonas decretadas ao longo dos primeiros seis meses deste ano”.