Venres. 26.04.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou xunto co alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de preto de 3.000 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Loxo, Enquerentes, Fonterrosas e Ribeira, no concello coruñés de Touro, aos 680 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento por parte da Xunta de preto de 3 millóns de euros. 

Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de 1.000 hectáreas, a cal permitiu multiplicar case por oito a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 10.314  predios iniciais a 1.294 parcelas finais. Desta forma, salientou o conselleiro, conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona. Ademais, salientou que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial. 

Pola súa banda, o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, mostrou a súa satisfacción por ter rematado a concentración en Loxo, Enquerentes, Fonterrosas e Ribeira. “Houbo entendemento entre a veciñanza e os técnicos da Administración autonómica”, destacou o rexedor, quen apuntou que o proceso, nestes últimos tempos, logrouse completar dun xeito “satisfactorio”. 

Neste senso, José González sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Por iso, estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, indicou o conselleiro, foron os preto de 23.300 títulos entregados de 21 concentracións desde o ano 2020 a arredor de 9.800 propietarios, incluídos os da parcelaria de Touro.