Venres. 26.04.2024

A Deputación da Coruña inviste, a través do Plan Único, 75.002,85 euros para financiar o proxecto de reparación e mantemento da coñecida como ‘Casa do Peregrino’, situada no lugar de Río Vello no Concello de Arzúa.

A actuación, que conta cun orzamento de 75.002,85 euros, ten o obxectivo de recuperala para volver a poñela en uso tras anos de abandono, dándolle un fin socio-cultural ligado ao Camiño de Santiago e evitando así que continúe o seu deterioro.

Os traballos que se levarán a cabo consisten, fundamentalmente, na reparación de cubertas, carpinterías exteriores e interiores, acabado de interiores, pintado e instalación dunha rampla de acceso para facer accesible o local.

300.000 EUROS DE INVESTIMENTO

O Plan Único da Deputación da Coruña mobiliza 283.490,60 euros no Concello de Arzúa para financiar, ademais da reforma da ‘Casa do Peregrino’, outras tres obras no municipio relacionadas coa mellora da seguridade viaria.

Un dos proxectos que se acometerá, cun orzamento de 48.400 euros, é a renovación do firme no camiño que vai de Cruce de Villantime a Vilar de Marroxo e o que vai de Seixas ó Pumar. En segundo lugar, destinaranse 89.526,76 euros para a mellora do viario no lugar de Fontenlas. Ademais, contémplase un investimento de 70.580,97 euros para ampliar a beirarrúa da marxe esquerda saíndo de Arzúa en dirección á parroquia de Lema, creando un itinerario peonil seguro de 2,40 metros de ancho e 150 metros de lonxitude, ao que se dotará de mobiliario urbano e zonas verdes.