Venres. 29.03.2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de abrir a convocatoria, o pasado 1 de outubro, para a creación de novos clubs de lectura, ou ben para darlle continuidade aos xa existentes nos centros educativos de Galicia, nun programa dirixido ás diferentes etapas educativas: Primaria e Secundaria, Bacherelato, Formación Profesional e enxinanzas de réxime especial.

O programa, que se engloba dentro do Plan LÍA 2021-2025 (Lectura, Información e Aprendizaxe) da Consellería, conta cun orzamento de 400.000 euros que teñen como principal destino sufragar a adquisición de libros para o desenvolvemento das actividades do club de lectura, e que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca do centro.

Na pasada edición, participaron un total de 346 centros de toda Galicia con máis de 12.000 participantes, e foi a primeira vez na que se incluíu o nivel educativo de Primaria. O obxectivo do programa é a promoción e consolidación dos hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado como a comunicación lingüística, competencia social, cultural ou artística. 

Desde a Consellería destacan que este tipo de iniciativas contribúen a que a comunidade galega estea nos primeiros postos de competencia lectora, e así o confirma o informe PISA. Os estudantes galegos obtiveron 494 puntos en lectura, 17 máis do promedio de España, sete por riba do da OCDE e cinco por riba do da Unión Europea.

SOLICITUDES

O prazo para a presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 31 de outubro. Poden solicitar a participación no programa os centros de Primaria, Secundaria, Bacherelato, FP e ensinanzas de réxime especial que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou conten con profesorado, ou calquera membro da comunidade escolar, interesado en poñelo en marcha, en tempo de lecer ou en horario extraescolar.

As solicitudes deben presentarse a través desta aplicación, e terán que ir acompañadas da documentación na que se determinen as finalidades e os obxectivos do club de lectura, actividades programadas, ou as formas de organización e funcionamento do club, entre outros datos.