Xoves. 28.03.2024

O Encontro de mozos, mozas e persoas adultas 2022, organizado pola Federación Down Galicia o primeiro fin de semana de outubro en Compostela, contou con máis de 130 participantes, nunha iniciativa cun amplo programa de actividades e que tivo como premisas a mocidade, a autonomía, o ocio e a inclusión.

O obxectivo principal deste encontro, para persoas vencelladas á federación con e sen discapacidade, é o de proporcionar un lugar de encontro para os rapaces e os maiores de idade de toda Galicia no que poidan ampliar o seu círculo de relacións, crear novos lazos de amizade e poñer en común inquedanzas, preocupacións, soños e logros nun contexto de convivencia inclusivo.

A organización estableceu un programa de actividades no que priorizouse o ocio e o tempo de lecer, tal e como propuseron os participantes nas diferentes xuntanzas virtuais mantidas previamente á celebración do encontro. Así, os participantes, na mañá do sábado, puideron escoller entre facer un tramo a pé do Camiño de Santiago ou participar en dous talleres de cociña e medio ambiente nas instalacións do Albergue do Seminario Menor e no parque de Belvís.

Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, visitou o albergue do Seminario, onde os participantes realizaban, xa pola tarde, unha dinámica para coñecerse mellor e compartiron as súas experiencias. Logo, comezaron as diferentes rutas turísticas por Compostela ampliando os seus coñecementos sobre a historia da cidade. Tralas visitas, o grupo reuniunse na Praza do Obradoiro onde desfrutaron do tempo libre antes da cea nun restaurante da cidade na que bailaron ao ritmo da sesión musical do DJ Tomás, un profesional da música con síndrome de Down. E, os máis festeiros decidiron continuar a diversión nos locais de Compostela.

Actuación do DJ Tomás trala cea de peche da xornada
Actuación do DJ Tomás trala cea de peche do encontro

Desde a organización mostraron o seu agradecemento a todos os participantes pola boa acollida que tivo o encontro que eles mesmos definiron como "divertido, espectacular e fantástico", ademais de manifestar o seu desexo de "repetir moi pronto". Down Galicia tamén tivo unha mención especial para a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, porque o encontro é posible gracias á súa achega a través das subvencións para a realización de programas de interese xeral para fins sociais.