Venres. 26.04.2024

O salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolleu a presentación da obra Que tempos!, editada por Embora e na que fai unha escolma dos traballos do debuxante, cronista gráfico e ilustrador Xaquín Marín publicados na revista Tempos Novos.

“A realidade de Galicia e os seus problemas sociais seguen a ser os mesmos desde hai moito tempo e non teñen moitas trazas de que vaian cambiar nos próximos anos”, explicou o recoñecido autor e un dos principais referentes da ilustración galega, española e europea, que nesta obra incide de novo nas súas temáticas que buscan a coherencia e persistencia dos ideais fronte a barbarie, a resistencia á opresión da política institucional e na defensa inquebrantable dos dereitos humanos e das minorías. 

Esta obra de Marín mostra perfectamente a súa peculiar visión, ao longo de toda a súa traxectoria, da realidade a través do humor, da retranca, a ironía, os xogos de palabras, tan presentes en todas as creacións deste ferrolano nado en 1943 que ademáis conta cun importante traballo tamén en Banda Deseñada, cartelismo, e como humorista gráfico.

Ademáis, a dilatada traxectoria de Xaquín Marín inclúe a colaboración con publicacións como Chan, Teima, La Codorniz, Hermano Lobo, A Nosa Terra, El Ideal Gallego, Can sen dono, La Voz de Galicia; e toda a súa creación gráfica é hoxe inseparable da identidade do país.

O acto foi presentado e conducido polo xornalista e escritor Pablo Bouza, que estivo acompañado polo propio autor, o alcade de Fene Juventino Trigo e o director da editorial ferrolana Embora, Miguel Tobal.