Sábado. 20.04.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinou en Sarria durante unha reunión coa Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés o protocolo de colaboración coa entidade para levar a cabo actuacións de mellora paisaxística e de promoción do Xacobeo nesta ruta. Deste xeito, o Goberno galego continúa coa aposta pola reactivación do Camiño de Santiago neste Xacobeo 21-22 a través do acondicionamento das distintas rutas xacobeas e dos albergues, ao mesmo tempo que mantén o compromiso co sector turístico coas medidas do Plan Camiña, que tamén inclúe axudas para as entidades locais, as universidades, as entidades sen ánimo de lucro e o turismo familiar.

Alfonso Rueda agradeceu a implicación da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na divulgación e conservación deste itinerario. Por iso, a Xunta vén colaborando con esta entidade e este protocolo será o paso previo para executar o convenio bianual 2022-2023, dotado con máis de 1 millón de euros e destinado a medidas tanto para a propia mancomunidade como de forma individual aos 11 concellos que a integran para traballos de mellora paisaxística e embelecemento de recursos do Camiño, así como actividades culturais e turísticas de promoción do Xacobeo 21-22.

O vicepresidente primeiro da Xunta asinou o protocolo co presidente actual da Mancomunidade de  Concellos Galego do Camiño Francés, o alcalde de Sarria, Claudio Melquíades. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; xunto cos alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide e O Pino, a tenente de alcalde de Arzúa e o vicepresidente da Federación Galega de Amigos do Camiño, Ángel Trabada.

Alfonso Rueda sinalou que o Camiño de Santiago está a superar tódalas expectativas con case 180.000 Compostelas entregadas o ano pasado fronte ás 140.000 previstas. O Camiño Francés concentrou máis da metade dos peregrinos con máis de 98.000 que selaron a súa credencial. Ademais, no que vai de ano xa se entregaron máis de 3.600 Compostelas.

Nesta liña, lembrou o traballo realizado para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos e consolidar a imaxe da comunidade como destino seguro e de calidade e cun Camiño seguro con actuacións nas distintas rutas e nos albergues. No caso do Camiño Francés, no marco do Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021 investíronse 3,6 millóns de euros no acondicionamento, conservación e sinalización deste itinerario. En canto ás actuacións en albergues, dos 2,4 millóns destinados a melloras en 28 albergues da rede pública o ano pasado, 1,2 millóns correspóndense con melloras en 6 instalacións do Camiño Francés. En concreto, destacan as 2 reformas integrais nos albergues de Arca, en O Pino e de Palas de Rei, por máis de 692.500 e 410.800 euros respectivamente.