Venres. 26.04.2024

O Concello da Baña está decidido a poñer en valor canto antes o castro da Baña cun proxecto que foi presentado no Servizo de Arqueoloxía da delegación de Santiago. Despois das labores de limpeza levadas a cabo nas primeiras fases da recuperación, que deixaron ao descuberto o perímetro e a croa, o seguinte paso será comezar coa excavación arqueolóxica. Prevese que estes traballos poidan comezar en maio grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a asociación de empresarios A Baña Emprende.

O alcalde da Baña, Andrés García; o concelleiro César Ramos e o presidente dos empresarios, Rafa Vieito, volveron reunirse cos dous arqueólogos encargados do proxecto, Martín Rivas e Verónica Silva, para abordar as actuacións a seguir. Xunto á excavación arqueolóxica, tense pensado facer un rexistro topográfico, acometer a sinalización para facilitar o acceso ao castro con fins de lecer e turísticos e desenvolver un programa didáctico e de promoción a través de actividades como obradoiros, visitas guiadas ou rutas de sendeirismo.

Logo de actuación sufragada polo Concello para limpar e poñer chan o terreo, o interior do recinto fortificado é xa totalmente accesible, podendo apreciarse con claridade a gran extensión do castro e tamén a súa morfoloxía. Isto posibilita identificar o sistema defensivo, con murallas que chegan aos 4 metros nalgúns puntos.

Para o Concello da Baña, a recuperación do castro permite que a veciñanza estea tomando conciencia do potencial do patrimonio histórico á hora de promocionar o municipio.