Suporá rebaixas do custe do chan industrial

SEA lanza un programa de impulso aos seus polígonos industriais

Reunión consello de Administración de SEA

Suelo Empresarial do Atlántico”, SEA entidade estatal dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, lanzou un programa de impulso dos seus polígonos empresariais, con medidas que permiten reducir o custo da superficie.

Desta forma, segundo explicou a xerente Beatriz Sestayo, nunha medida pioneira en SEA pero coherente co seu obxectivo de impulso á dinamización empresarial, o Consello de Administración celebrado en marzo, o primeiro deste ano 2022, aprobou modificacións no concepto de chan en Dereito de Superficie. Debido ao feito de que resulta de interese xeral para continuar xerando postos de emprego e riqueza nas comarcas e zonas nas que se sitúan os seus 13 parques empresariais, o Consello de Administración de SEA aprobou a licitación de novos dereitos de superficie con opción de compra, en determinadas parcelas dos parques de Muros, Vimianzo, Malpica, Mondoñedo e Catoira.

Isto supón non só novas superficies nesta opción senón, nalgúns casos, cunha rebaixa concreta do prezo de opción de compra. Por parques empresariais, en Mondoñedo ofértase toda a superficie do parque empresarial en opción de dereito de superficie pero, ademais, rebáixase o prezo de opción de compra dos 55 euros metro cadrado actuais a 49,50. No caso de Malpica, onde xa se ofertaba neste réxime toda a totalidade do parque empresarial, rebáixase o prezo en opción de compra a 58,50 euros metro cadrado. En Catoira, ofértase a totalidade do parque (21 parcelas, 49.518’87 metros cadrados en total) en réxime de dereito de superficie, a un prezo de 75 euros metro cadrado, fronte aos 78 anteriores. En Vimianzo, mantense a superficie total destinada a opción de compra, aínda que se modifican as parcelas ofertadas e rebáixase o prezo ao da venda directa actual, é dicir, 57 euros metro cadrado. En Muros, do mesmo xeito, tamén se sitúa o prezo de venda en dereito de superficie do mesmo xeito que o de venda directa, en 79,90 euros, e diversifícase e aumenta a oferta de parcelas, con opcións tamén en mazás de uso terciario.