O alcalde do Pino responde ás acusacións dos socialistas

Manuel Taboada di que “non hai irregularidades nas obras do alumeado público de Arca, que aínda está sen certificar”

Alumeado

As obras de renovación do alumeado público de Arca “están sen rematar porque a dirección facultativa aínda non fixo a certificación final das obras, na que se recollerán todas as partidas que realmente se executaron, para xustificar as mesmas na Deputación da Coruña”, explica así Manuel Taboada. O alcalde, asegura que “non hai ningún tipo de irregularidades nestas obras, como lle explicou , o técnico responsable da dirección de obra ao voceiro socialista, que parece que estivo noutra reunión”.

Fontes municipais explican que “o Concello do Pino encargoulle o proxecto e a dirección de obra a unha enxeñería externa. O proxecto incluía facer novas canalizacións subterráneas para pasar os cables. Cando comezaron as obras, os técnicos viron que había tramos destas canalizacións que estaban en boas condicións e aproveitáronse. Evidentemente, as partidas destes tramos non se van certificar e, polo tanto, non se reclamará o seu pagamento á Deputación, que poderá quedarse cun remanente para destinar a outros plans provinciais. As obras que non se executan, non se certifican e, polo tanto, tampouco se cobran”.

A modificación do proxecto nos plans da Deputación é obrigatoria cando hai un incremento de obra superior a un 10% ou cando se cambian unidades de actuación. “Nas obras de renovación de alumeado público en Arca nin hai aumento de obra nin cambio de partidas. Non temos que modificar o proxecto. Fomos prudentes cando o redactamos, porque non se coñecía o estado das canalizacións subterráneas, e por iso incluímolas todas. Unha vez iniciadas as obras, aqueles tramos que estaban en boas condicións non se fixeron e non se van certificar nin se van cobrar”, engade alcalde. “Aquí ninguén se quere quedar con cartos, que é o que parece insinuar o voceiro do PSdeG”, subliña Manuel Taboada.

O técnico director da obra, que é quen ten que asinar a certificación final da mesma, explicoulle todos estes pormenores ao voceiro socialista, cando este visitou as obras. “O único certo é que a empresa adxudicataria non colocou o cartel da obra, co logo da Deputación. Supoño que terá que facelo agora”, explica Manuel Taboada, que crítica a denuncia do líder da oposición. “Parece que o voceiro socialista non entende que unha obra non está rematada ata que se certifica”, asegura o alcalde.