Sábado. 20.04.2024

O Partido Popular de Arzúa reclama a reapertura do parque municipal e parque infantil, pechados durante as últimas limitacións máis restritivas da pandemia, pero que “seguen sen abrirse a pesares de permitilo as actuais circunstancias”, apuntan.

“Non é a primeira vez que os populares reclaman ao bipartito AxA-PSOE a apertura dos parques sempre que o permitiron as condicións sanitarias, solicitando tamén medias como a correspondente limpeza e desinfección. A resposta que obtivemos sempre do goberno municipal é que o que priorizaban é a saúde. Sen embargo vemos un intento de agochar a mala xestión na aplicación das restricións”, explica Rafael Rivadulla.

Segundo o voceiro popular “non entendemos que coa mesma normativa, veciños doutros concellos de Galicia si poidan gozar dos parques públicos, e aquí esteamos sempre con atrasos, ao igual que pasou cos postos de alimentación nas feiras”.

Por outra banda, recoñecen que “dende o goberno municipal, a comezos de ano se lles adiantou que as obras de ampliación do parque infantil ían comezar de inmediato e por iso non se volvería a poder acceder ao mesmo mentres as obras non rematasen. Se hai atrasos nas obras, cousa á que nos ten mal acostumados este bipartito, tan doado como quitar as cintas de prohibición de acceso e volvelas a poñer en canto comecen as mesmas, e non privarnos aos veciños do uso de instalacións pagadas cos nosos impostos”.