Sábado. 27.07.2024

A Deputación da Coruña adxudicou por 753.820,86 euros as obras do primeiro tramo da Vía Verde en Santiago de Compostela, cun percorrido de 2,2 quilómetros que parte da antiga estación de ferrocarril da Sionlla. As obras comezarán no mes de xuño.

Trátase do primeiro treito da Vía Verde en territorio de Compostela, que se completará nos vindeiros meses cunha segunda fase de 8 quilómetros de lonxitude, que discorrerá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. En total, os dous tramos en territorio compostelán sumarán 10 quilómetros e suporán un investimento de 1,8 millóns de euros.

Estes dous tramos de Compostela conectarán co resto da Vía Verde, en funcionamento desde 2022, que atravesa os municipios de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda para completar unha gran ruta ciclable de 36 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que con esta actuación “a Deputación da Coruña inicia a conexión de Compostela coa maior Vía Verde de Galicia, contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente que contribúe a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona”.