Sábado. 27.07.2024

O Concello de Ferrol aprobou a adxudicación do contrato de subministración e instalación de luminarias led na zona rural fase I, por un importe de 87.116,77 euros, financiados ao 100% pola Deputación da Coruña a través do POS+2021.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, explicou que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local para proceder de maneira gradual á substitución das instalacións de iluminación exterior e cumprir cos niveis de aforro previsibles, tanto en termos económicos como de emisión de CO2.

Así, a instalación das novas luminarias levarase a cabo na DP-3603, ao seu paso por Xoane, Serantes e Covas; no tramo da DP-3606 que pasa por Covas; na DP-3608 á altura de Valón e na estrada de acceso ao Vilar. O prazo de execución será de catro meses dende o día seguinte á formalización do contrato.