Sábado. 27.07.2024

O Concello de Santiago reorganizou o servizo de autobús ao aeroporto para atender o incremento de demanda derivado do inicio da tempada alta na terminal Rosalía de Castro, sen prexudicar á veciñanza usuaria do transporte público. Para iso, desdóbrase na liña 6A, con servizos directos ao aeroporto a través da autovía desde a estación intermodal e sen paradas; mantendo sen cambios a actual liña 6.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, explicaron a reconfiguración do servizo. Neste sentido, o edil admitiu que as liñas que chegan ao aeroporto están moi tensionadas, “con moitas expedicións nas que os autobuses completan a súa capacidade provocando prexuízos aos veciños e veciñas". Segundo apuntou, en maio esta situación produciuse nunha media de 6 servizos diarios, 10 no caso dos sábados e 8 os domingos; deixando sen servizo a moitos usuarios porque os vehículos completan as prazas nas primeiras paradas.

A reestruturación do servizo consiste no desdobramento da liña 6A, de maneira que realiza servizos directos entre a intermodal e o aeroporto Rosalía de Castro, cun percorrido sen paradas intermedias, evitando o centro urbano e discorrendo unicamente por vías de alta capacidade. O obxectivo é "que os usuarios e usuarias da terminal de Lavacolla utilicen este servizo, descargando a presión sobre a liña que lle debe dar servizo á veciñanza".

Ao tempo, manteranse os servizos do ámbito urbano e os núcleos rurais de San Marcos e Lavacolla, respectando as actuais paradas. Para evitar sobrecargas, as paradas desde a intermodal ata San Marcos en dirección Lavacolla serán só para recoller usuarios e usuarias; mentres que no traxecto inverso as paradas desde San Marcos ata o Hórreo serán exclusivamente para deixar viaxeiros e viaxeiras. Desta maneira,segundo explicou o xerente de Tussa, "preténdese que as persoas que só queiran desprazarse pola trama urbana utilicen a liña 6 e non a 6A, garantindo que estes autobuses cheguen con prazas dispoñibles a San Marcos e Lavacolla".

A reorganización do servizo tamén implica modificacións nas frecuencias. De luns a venres, tanto os buses que realizan a liña de maneira directa como os que fan paradas na trama urbana teñen unha frecuencia de 40 minutos. Nos sábados, domingos e festivos, o servizo directo entre a intermodal e Lavacolla ten unha frecuencia de 60 minutos; mentres que o servizo con paradas ten frecuencias de 20 e 40 minutos. No tocante ás tarifas, mantéñense tal e como están establecidas para o conxunto da rede do transporte urbano.