Sábado. 27.07.2024

A Axencia Galega de Turismo concedeu ao Concello de Arzúa unha subvención para financiar o acondicionamento da fonte da Quenlla, segundo informou a Concellería de Turismo. Así pois, a concelleira de Turismo, Begoña Balado, salientou a importancia da intervención nesta fonte histórica, “cargada de tradición e lendas”, e adiantou que se pretende mellorar o seu estado actual, preservando o patrimonio cultural, e proporcionando “un espazo renovado para o encontro e desfrute dos nosos veciños”.

O proxecto de acondicionamento incluirá a instalación de dous bancos integrados nos muros que conforman a fonte, os cales salvan o desnivel entre o viario actual e o predio superior. Ademais, contará con dous pousadoiros, unha lenda e unha papeleira lateral. Así mesmo, mellorarase o solado actual, incorporando un solado de casqueiro de granito serrado.